O conselleiro de Educación destaca o valor da formación permanente na presentación do programa de aprendizaxe Grundtvig promovido pola Escola Oficial de Idiomas de Ourense [1]
Xesús Vázquez Abad asistiu hoxe á presentación de ‘Construíndo a identidade da muller europea’, no que participan docentes de Turquía, Holanda, Grecia e Finlandia

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe o valor e importancia da formación permanente no acto de presentación programa de aprendizaxe Grundtvig Construíndo a identidade da muller europea (Constructing an European Female Identity), promovido pola Escola Oficial de Idiomas de Ourense.
Na presentación deste proxecto Vázquez Abad salientou como unha das prioridades do departamento que dirixe a formación permanente ao longo da vida xa que “nun mundo globalizado e altamente competitivo como o que nos tocou vivir, aprender de forma constante non é unha opción, senón unha obriga, un compromiso vital”. Así mesmo, o conselleiro destacou a importancia do Grundtvig, “un programa que busca mellorar a calidade e a dimensión europea da educación de adultos en sentido amplo, respondendo ao reto educativo do envellecemento da poboación en Europa”.
Desta forma, animou aos participantes a traballar neste proxecto, “cun tema complicado e fascinante co que estou seguro que este grupo de traballo multidisciplinar poderá acadar resultados de grande interese e valor para todos”.
O programa de aprendizaxe Construíndo a identidade da muller europea, impulsado e coordinado desde a EOI de Ourense, desenvolverase entre 2011 e 2013 e implica a 4 centros educativos europeos máis, nomeadamente a Balikesir Il Milli Egitim Müdürlügü, unha administración educativa rexional turca que ten entre as súas competencias o ensino de adultos e da que dependen más de 888 centros educativos; a Academia de Español Romero, ubicada na rexión holandesa de Zelanda, e na que se ensina español a adultos de neerlandés; a ΣXOΛEIO ΔEYTEPHΣEYKAIPIAΣ(ΣΔE) KAΛAMATAΣ, centro de educación de alumnado adulto en Kalamata, Grecia; e a Siika-Pyhäjokialueen koulutuskuntayhtymä Piippolan käsi- ja taideteollisuusopisto, escola de Artes e Oficios na rexión finlandesa septentrional de Oulu.
Dimensión de xénero
O proxecto enmárcase na programa europeo Grundtvig, e conforma unha asociación de aprendizaxe na que o profesorado e o alumnado traballan conxuntamente arredor dun tema, intercambiando experiencias, prácticas e métodos, o que contribúe a un maior coñecemento da variada cultura europea, do seu ámbito social e económico e a entender mellor as áreas de interese común.
Construíndo a identidade da muller europeaafonda no concepto de “muller”e o seu papel na sociedade europea. Para iso, os participantes buscan modelos femininos nos medios de comunicación e avalían a súa valoración, estudan o papel das mulleres como gardas e transmisoras da tradición popular en Europa e avalían as similitudes e diferenzas entre mulleres de diferentes partes de Europa. A finalidade é atopar elementos comúns que permitan considerar unha Identidade Feminina Europea, ao tempo que se procura o aprecio do concepto e a dimensión de xénero e a introdución dunha perspectiva de xénero no proceso educativo.
Así mesmo, o proxecto promove o uso das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) no alumnado adulto, e tenta concienciar sobre a importancia da diversidade cultural e lingüística dentro de Europa.
Á presentación do programa de aprendizaxe asistiron, ademais do conselleiro, a directora da EOI de Ourense, Nancy Casielles, e un representante de cada un dos países que participan nesta iniciativa.