Consellería de Cultura, Educación e Universidade
Publicado en Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal/portal)

Inicio > A Xunta convoca a proba para que os maiores de 20 anos obteñan o título de Bacharelato

A Xunta convoca a proba para que os maiores de 20 anos obteñan o título de Bacharelato [1]

O prazo de inscrición estará comprendido entre o 3 e o 10 de marzo de 2021

Gallego

A Xunta de Galicia publica no Diario de Galicia a convocatoria da proba [2] para que as persoas maiores de 20 anos obteñan o título de Bacharelato na modalidade de Ciencias e nos dous itinerarios da modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais. O obxectivo é que as persoas que non obtiveron esta cualificación a través das ensinanzas reguladas poidan contar con este título a través da participación nunha proba libre.

Como recursos didácticos de apoio para preparar os exames, a Consellería de Cultura Educación e Universidade ofrece de forma libre e gratuíta as guías do alumnado de bacharelato semipresencial (LOMCE) no Portal Educativo [3].

Para poder participar nestas probas as persoas candidatas deberán ter 20 anos cumpridos ou cumprilos dentro do ano 2021 e non dispoñer deste título ou equivalente nin atoparse cursando ensinanzas de Bacharelato en ningún dos réximes (presencial, semipresencial ou a distancia) neste curso.

O prazo de presentación das solicitudes estará comprendido entre o 3 e o 10 de marzo de 2021. O exame celebrarase o vindeiro 23 de abril no IES San Clemente de Santiago de Compostela.

As solicitudes deberán presentarse en soporte papel ou utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia [4]. Os centros nos que se poderá facer a inscrición son o Centro de Educación para Adultos (EPA) Eduardo Pondal (A Coruña), o IES San Clemente (Santiago de Compostela), o Centro EPA Albeiros (Lugo), o Centro EPA de Ourense, o Centro EPA Río Lérez (Pontevedra) e o Centro EPA Berbés (Vigo).

As persoas interesadas poderán matricularse dos dous exercicios que integran o exame ou dun deles. A proba convócase para as modalidades de Ciencias e de Humanidades e Ciencias Sociais. En calquera caso, poderanse inscribir na proba e titular pola modalidade de Artes, as persoas que estean en condicións de validar o segundo exercicio conforme ao establecido na convocatoria.

Características da proba

A proba organizarase de xeito diferenciado segundo as modalidades de Ciencias e Humanidades e Ciencias Sociais. En calquera dos casos, constará de dous exercicios.

O primeiro exercicio, común ás distintas modalidades, corresponde ás materias de Lingua Galega e Literatura I e II, Lingua Castelá e Literatura I e II, Primeira Lingua Estranxeira I e II (inglés ou francés) e unha proba combinada das materias de Filosofía e Historia de España.

O segundo exercicio, diferente para cada modalidade, divídese en tres partes. As persoas que opten pola modalidade de Ciencias realizarán a primeira parte da proba nas materias Matemáticas I e II e escollerán na segunda entre Física e Química e Física, Física e Química e Química ou Debuxo Técnico I e II. Na terceira parte deberán escoller entre Bioloxía e Xeoloxía e Bioloxía ou Bioloxía e Xeoloxía e Xeoloxía.

No caso dos aspirantes na modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais, a primeira parte constará das probas de Latín I e II (itinerario de Humanidades) ou Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais I e II (itinerario de Ciencias Sociais); mentres que na segunda parte deberán escoller entre Historia do Mundo Contemporáneo e Xeografía, Economía e Economía da Empresa ou Grego I e II. Na terceira parte realizarán a proba correspondente ás materias de Literatura Universal e Historia da Filosofía.

Información xeral [5]
Bacharelato de adultos [6]
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional [7]
Educación de persoas adultas [8]
Alumnado [9]

URL fonte: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/33308

Ligazóns
[1] https://www.edu.xunta.gal/portal/node/33308
[2] https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210224/AnuncioG0598-160221-0001_gl.html
[3] http://www.edu.xunta.gal/portal/ea/materiais-didacticos
[4] https://sede.xunta.gal/
[5] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/123
[6] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/217
[7] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/206
[8] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/42
[9] https://www.edu.xunta.gal/portal/alumnado