Consellería de Cultura, Educación e Universidade
Publicado en Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal/portal)

Inicio > A Xunta convoca os exames para a obtención de carnés e habilitacións profesionais en 15 especialidades

A Xunta convoca os exames para a obtención de carnés e habilitacións profesionais en 15 especialidades [1]

O obxectivo desta convocatoria é facilitar a obtención desta acreditación, que favorece a incorporación ao mercado laboral das persoas que a posúen

Gallego

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de convocar os exames para a obtención de carnés e habilitacións profesionais nun total de 15 especialidades diferentes, tal e como publica o Diario Oficial de Galicia [2]. As probas desenvolveranse en dúas convocatorias. Para a primeira, o prazo de presentación de solicitudes será desde o día 22 de febreiro ao día 8 de marzo de 2021, ambos os dous incluídos; mentres que para a segunda estará aberto desde o día 21 de xuño ao día 5 de xullo de 2021, ambos os dous incluídos. O obxectivo desta convocatoria é facilitar a obtención desta acreditación, que favorece a incorporación ao mercado laboral das persoas que a posúen.

Os exames que se celebrarán en cada convocatoria son os que se reflicten na seguinte táboa:

Primeira convocatoria

Carnés profesionais:

- Operador/a de guindastre torre.

- Operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría A.

- Operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría B.

Habilitacións profesionais:

- Operador/a industrial de caldeiras.

Segunda convocatoria

Carnés profesionais:

- En instalacións térmicas de edificios.

- De operador/a de guindastre torre.

- De operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría A.

- De operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría B.

Habilitacións profesionais:

- Operador/a industrial de caldeiras.

- Instalador/a de gas, categoría A.

- Instalador/a de gas, categoría B.

- Instalador/a de gas, categoría C.

- Instalador/a de produtos petrolíferos líquidos, categoría I.

- Instalador/a de produtos petrolíferos líquidos, categoría II.

- Reparador/a de produtos petrolíferos líquidos, categoría III.

- Manipulador/a de equipamentos con sistemas frigoríficos de calquera carga de refrixerantes fluorados.

- Manipulador/a de equipamentos con sistemas frigoríficos de carga de refrixerante inferior a tres quilogramos de gases fluorados.

- Manipulador/a de equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías de calquera carga de refrixerantes fluorados.

- Manipulador/a de equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías que empreguen menos de tres quilogramos de refrixerantes fluorados.

 

Para seren admitidas á realización das probas, as persoas aspirantes deberán estar en idade legal laboral ou teren a idade mínima que, de ser o caso, poida esixir a normativa sectorial correspondente; así como cumprir os requisitos específicos que para cada especialidade se establezan na normativa vixente.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia [3]. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Xunto coa solicitude deberase presentar xustificante para a Administración do impreso correspondente de autoliquidación de taxas (importe de 40,77 euros), validado pola entidade bancaria onde se realice o ingreso. As persoas aspirantes que desexen obter máis dun carné profesional ou habilitación profesional presentarán unha solicitude por cada un deles, xunto coa correspondente documentación xustificativa.

As datas, hora e lugares de realización dos exames publicaranse xunto coa listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas.

Estrutura das probas

Os exames estarán constituídos por dúas partes, e versarán sobre os coñecementos, e contidos especificados na regulamentación de cada especialidade e que constitúen a materia de avaliación. A primeira parte consistirá nun exercicio teórico escrito de resolución dun cuestionario tipo test proposto polo tribunal de cada especialidade. Poderá incluír cuestións sobre coñecementos tecnolóxicos e cálculos básicos no ámbito da competencia do carné profesional ou da habilitación profesional.

A segunda parte estará composta por un suposto práctico escrito ou unha proba real de manipulación, manobra ou operación, sobre a resolución dun problema ou de varios, ou sobre o seguimento de instrucións contextualizadas, segundo determine o tribunal, en relación cos requisitos prácticos propios de cada especialidade.

Para os carnés de operador/a de guindastre móbil autopropulsado, a segunda parte consistirá nunha proba de demostración real de destreza na manobra e na operación co guindastre baixo as instrucións e as indicacións especificadas polo tribunal. Esta proba poderá realizarse empregando un guindastre móbil autopropulsado ou un simulador.

Información xeral [4]
Formación Profesional inicial [5]
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional [6]
Subdirección Xeral de Cualificacións, Planificación e Xestión da Formación Profesional [7]
Servizo de Xestión da Formación Profesional [8]
Alumnado [9]
Centros [10]
Empresas [11]

URL fonte: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/33277

Ligazóns
[1] https://www.edu.xunta.gal/portal/node/33277
[2] https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210219/AnuncioG0598-110221-0002_gl.html
[3] https://sede.xunta.gal/
[4] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/123
[5] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/85
[6] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/206
[7] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/35
[8] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/37
[9] https://www.edu.xunta.gal/portal/alumnado
[10] https://www.edu.xunta.gal/portal/centros
[11] https://www.edu.xunta.gal/portal/empresas