Educación abre a convocatoria para a incorporación dos centros ao “Club de Letras”, unha iniciativa para fomentar as competencias lingüísticas do alumnado [1]
Poderán implicarse un total de 70 novos centros educativos, ademais da continuidade dos 30 que se incorporaron no curso pasado
A temática principal do vindeiro curso será o coidado, enfocado desde unha perspectiva ampla que abrangue a atención ás necesidades das persoas en situación de vulnerabilidade, tendo en conta tamén o contexto de confinamento vivido a raíz da pandemia da Covid-19
O prazo para solicitar a participación neste programa de innovación educativa está aberto ata o 30 de setembro
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de abrir o prazo para a participación no “Club de Letras” para o vindeiro curso 2020/21, unha iniciativa que se instaurou o curso pasado co obxectivo de mellorar as competencias lingüísticas, tanto orais como escritas, do alumnado a través de distintas actividades que fomenten o debate, a reflexión e a lectura crítica.
A convocatoria -que permanecerá aberta ata o 30 de setembro- vai dirixida a todos os centros públicos que imparten educación primaria, ESO e bacharelato. Este ano poderán incorporarse ata 70 novos centros escolares, ademais dos 30 que no presente curso se acolleron a esta iniciativa pioneira.
A temática elixida para o curso 2020/2021 é o coidado, abordado desde unha perspectiva de responsabilidadade e corresponsabilidade nas tarefas e nos labores necesarios para a atención das persoas que están a padecer unha situación de vulnerabilidade causada pola enfermidade, pola pobreza, pola soidade, pola dor, pola violencia de xénero, pola LGTBIfobia ou outras circunstancias. Esta vulnerabilidade mesmo puido producirse e/ou agravarse durante o período de confinamento vivido a raíz da pandemia da Covid-19 e podería abordarse a temática do coidado neste contexto.
Os proxectos realizados sobre este tema poderán abordarse desde un punto de vista literario, artístico, filosófico ou histórico; e poderán centrar o seu foco de interese na actualidade, en anteriores etapas da historia ou conxugando ambos os dous enfoques.
O “Club de Letras” defínese como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación. Neste marco o profesorado suxire diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que poidan afondar, descubrir e coñecer novos eidos relacionados coas Humanidades, as Artes e as Ciencias Sociais. Fundaméntanse, polo tanto, nunha metodoloxía baseada no descubrimento, a indagación, o debate, a lectura reflexiva, a análise crítica, a creación e a aprendizaxe colaborativa.
No caso da educación primaria, a iniciativa achegarase a estes eidos do coñecemento fundamentalmente a través da escritura creativa, a exploración e creación artística, a lectura reflexiva e fomentando, de ser posible, unha achega lúdica e dinámica. Na educación secundaria e bacharelato procurarase unha visión transversal e interrelacionada das manifestacións literarias e artísticas, abordando perspectivas filosóficas e/ou históricas, así como a potenciación da capacidade creativa e de lectura reflexiva, coa finalidade de fomentar competencias de comprensión e de pensamento crítico do mundo actual.
Solicitudes
O departamento educativo da Xunta de Galicia destina un total de 100.000 euros a esta convocatoria, e cada centro recibirá unha achega económica de 1.000.
Os centros que desexen solicitar por primeira vez ou renovar a súa participación no “Club de Letras” deben presentar a solicitude correspondente e máis unha breve descrición do proxecto que se vai desenvolver no curso 2020/2021.
O club deberá estar formado por alumnado e profesorado e será coordinado por unha das persoas docentes participantes. Cada centro educativo desenvolverá o “Club de Letras” fóra do horario lectivo e o tempo dedicado a esta actividade deberá chegar a, polo menos, unha media de catro horas ao mes comezando a partir da concesión definitiva do proxecto e ata o final do período lectivo do alumnado dentro do curso 2020/2021.
Toda a información pode consultarse no Portal Educativo [2].