Consellería de Cultura, Educación e Universidade
Publicado en Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal/portal)

Inicio > Educación concede 73 axudas para a matrícula de másteres universitarios para persoas en situación de desemprego

Educación concede 73 axudas para a matrícula de másteres universitarios para persoas en situación de desemprego [1]

As axudas, que teñen como obxectivo mellorar as perspectivas de incorporación destas persoas ao mercado de traballo, oscilan entre os 591 e os 1.881,60 €, en función do tipo de titulación

Gallego

Un total de 73 persoas son as beneficiarias este ano das axudas da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional destinadas a titulados universitarios en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) no curso académico 2019/2020, tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia [2].

A contía de cada axuda individual cubre o importe correspondente a 60 créditos de primeira matrícula do máster universitario, segundo os prezos públicos establecidos no anexo do Decreto 73/2019 do 4 de xullo, polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do SUG. En función do tipo de máster que curse o beneficiario o importe máximo de axuda será de 1.881,6 € e o mínimo de 591 €.

Dos 73 bolseiros, 34 cursan o máster na Universidade da Coruña, 20 na de Santiago de Compostela e 19 na de Vigo. Por sexo, 56 son mulleres e 17 son homes. Cómpre sinalar que o máster máis cursado entre os beneficiarios é o do Profesorado (28 bolsas), seguido do de Xestión e Dirección Laboral (5 bolsas) e Comercio Internacional (4 bolsas).

Para optar a esta axuda as persoas candidatas debían estar en situación de desemprego á data de presentación da solicitude, ter rematados os estudos universitarios que lle dean acceso aos estudos do máster universitario con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2017 e estar matriculadas no curso académico 2019/20 nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do SUG, dun mínimo de 60 créditos excluídos os créditos recoñecidos, convalidados ou adaptados.

Desde o inicio desta convocatoria, no curso 2013/2014, concedéronse 511 axudas, incluídas as deste ano, por un importe total de 557.210,39 €. O obxectivo desta convocatoria é apoiar os titulados universitarios en situación de desemprego co fin de mellorar as súas perspectivas de incorporación ao mercado de traballo.

Cómpre lembrar que o ano pasado a Consellería decidiu rebaixar os prezos de matrícula dos máster habilitantes ata equiparalos aos dos graos. Deste xeito, Galicia é a Comunidade Autónoma cos prezos medios máis baratos do Estado nestas titulacións -13,5 euros por crédito por debaixo da media estatal, que supera os 25 euros-.

Bolsas [3]
Máster [4]
Universidade [5]
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional [6]
Subdirección Xeral de Universidades [7]
Alumnado [8]

URL fonte: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/29896

Ligazóns
[1] https://www.edu.xunta.gal/portal/node/29896
[2] https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20191223/AnuncioG0534-121219-0001_gl.html
[3] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/238
[4] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/243
[5] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/108
[6] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/206
[7] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/29
[8] https://www.edu.xunta.gal/portal/alumnado