Consellería de Cultura, Educación e Universidade
Publicado en Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal/portal)

Inicio > Educación renova a súa colaboración coa ONCE para a atención especializada a 366 alumnos con discapacidade visual

Educación renova a súa colaboración coa ONCE para a atención especializada a 366 alumnos con discapacidade visual [1]

A conselleira Carmen Pomar e mailo delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez, asinaron a addenda ao convenio que arrancou en 2013

A Consellería destina a esta medida de atención á diversidade máis de 230.000 euros durante este curso

Gallego
Educación renova a súa colaboración coa ONCE para a atención especializada a 366 alumnos con discapacidade visual

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de renovar a súa colaboración coa Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE) para prestar atención especializada, inicialmente, a 366 alumnas e alumnos con discapacidade visual en centros educativos de toda Galicia. A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e mailo delegado territorial ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, asinaron hoxe a addenda ao convenio entre ambas institucións (que arranca no ano 2013), o que fai posible que 6 profesores do corpo de mestres desenvolvan as súas tarefas profesionais nos equipos específicos da ONCE, prestándolle apoio ao alumnado cego ou con discapacidade visual, tanto en educación primaria e 1º e 2º da ESO, como en centros e unidades de educación especial. A Consellería destina a este convenio un total de 230.227,85 euros para o curso 2019/20.

Ao abeiro deste acordo facilítase o acceso do alumnado con discapacidade visual escolarizado en centros ordinarios aos recursos tecnolóxicos e á transcrición e gravación a braille dos libros de textos e dos materiais curriculares. Deste xeito, favorécese a súa inclusión educativa, á par que unha atención especializada e axeitada ás súas necesidades.

En concreto, o convenio permite establecer un marco de colaboración para a atención educativa do alumnado con cegueira ou deficiencia visual grave, así como das súas familias e dos centros educativos aos que asistan; promover a coordinación dos servizos educativos e dos complementarios, organizando e facendo rendibles os recursos das diferentes institucións; e facilitar a conformación de equipos específicos para a atención educativa a este alumnado.  

Neste sentido, o obxectivo do convenio é a unión de forzas para darlle cumprimento ao compromiso fixado pola Consellería a partir da publicación do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste caso xúntanse os recursos materiais da ONCE ao capital humano do profesorado que cede a Consellería neste acordo.

A contía total destinada por Educación a este fin desde que se puxo en marcha a colaboración coa ONCE no ano 2013 ascende a máis de 1,4 millóns de euros.

Atención á diversidade [2]
Ensinanzas de réxime xeral [3]
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional [4]
Entidades autonómicas [5]
Profesorado [6]
Alumnado [7]
Familias [8]
Centros [9]

URL fonte: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/28795

Ligazóns
[1] https://www.edu.xunta.gal/portal/node/28795
[2] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/141
[3] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/218
[4] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/206
[5] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/404
[6] https://www.edu.xunta.gal/portal/profesorado
[7] https://www.edu.xunta.gal/portal/alumnado
[8] https://www.edu.xunta.gal/portal/familias
[9] https://www.edu.xunta.gal/portal/centros