Carmen Pomar destaca un investimento de máis de 1,1 millóns de euros na rehabilitación integral do CPI de Cova Terreña (Baiona) [1]
A conselleira comprobou hoxe o avance das obras
A actuación forma parte do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas da Xunta de Galicia
A Consellería executará tamén a reforma dunha das fachadas do IES Primeiro de Marzo

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o CPI de Cova Terreña, onde comprobou o avance da obra de rehabilitación integral que o seu departamento está a acometer neste centro. A titular do departamento educativo da Xunta destacou este investimento, de 1.136.973,66 euros, que redundará nun aforro do 46,40 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 50,0 % en emisións de CO2 no centro de ensino.
Esta actuación forma parte do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas da Xunta de Galicia e é posible grazas ao anticipo de tesourería aprobado no Consello da Xunta para axilizar a licitación das obras con cargo ao superávit de 2018. Ademais a Consellería ten en fase de adxudicación a reforma de parte dunha das fachadas do IES Primeiro de Marzo (a orientada ao mar), tamén en Baiona, por un importe aproximado de 47.000 euros.
As obras contemplan o illamento de fachada polo exterior mediante sistema SATE e a colocación de panel sándwich e illamento térmico na cuberta. Tamén se mudarán as fiestras por unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidro dobre baixo emisivo e instalaranse novas luminarias de alta eficiencia enerxética.
A actuación inclúe, asemade, a creación de novos espazos para despachos e departamentos, a reforma de aseos no edificio de Educación Infantil para adaptalos a persoas con mobilidade reducida, a colocación de falso teito acústico nas aulas que carecen del, o pulido do pavimento de terrazo e outras reformas funcionais.
Un centro de referencia
Carmen Pomar quixo sinalar o CPI de Cova Terreña como un centro de referencia pola súa implicación nas diferentes iniciativas de reforzo e innovación impulsadas desde a Consellería. Neste sentido lembrou que o centro participa no proxecto de libro dixital E-Dixgal desde o curso 2014/15, ademais de estar tamén inserido no de Introdución á Robótica en Primaria.
Por outra banda, o curso pasado o CPI desenvolveu 4 liñas dos contratos programa, en concreto as de Reforzo, orientación e apoio (PROA), Mellora das competencias clave, Mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros e o Reforzo de competencias clave en 3º e 4º de ESO como modalidade de acompañamento fóra do horario lectivo.
Ademais, o centro forma parte do Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares (PLAMBE) e participou no curso 2018/19 en ata catro iniciativas diferentes do Plan Proxecta, en concreto Aliméntate ben, Aprendo programando, MeteoEscolas e Proxecto Terra.
IES Primeiro de Marzo
Durante a visita deuse conta á comunidade educativa de Baiona que a Consellería ten en fase de adxudicación a reforma dunha das fachadas do IES Primeiro de Marzo (a orientada ao mar), por un importe aproximado de 47.000 euros.