Política Lingüística leva ás aulas de infantil recursos audiovisuais para reforzar a aprendizaxe do galego [1]
A secretaría xeral vén de distribuír os materiais nos centros educativos de Galicia e tamén nas aulas hospitalarias
Trátase de tres contos que inclúen propostas didácticas para que o profesorado poida traballar a competencia lingüística en galego

A pota que trota, Os sete cabritos e Fiz, o coleccionista de medos son os títulos dos tres contos en formato audiovisual que a Secretaría Xeral de Política Lingüística distribuíu este mes de xuño nos centros educativos de Galicia e tamén nas aulas hospitalarias da comunidade.
Este material, editado pola secretaría xeral e producido por OQO editora, está dirixido a traballar a competencia lingüística en galego do alumnado de segundo ciclo de educación infantil. Con este obxectivo, cada unha das tres curtas de animación vai acompañada dunha proposta didáctica para que o profesorado poida aproveitar o máximo posible estes recursos de cara á adquisición do coñecemento da lingua galega. As propostas didácticas asociadas ás tres curtas de animación inciden nas competencias activas –falar e escribir– e permiten, deste xeito, completar as aprendizaxes lingüísticas que deben facer os nenos e as nenas de educación infantil.
Adquirir o coñecemento do galego propio da etapa educativa
O Decreto 330/2009 polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia e o Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia recollen a necesidade de que todo o alumnado –independentemente de cal sexa o seu primeiro idioma– adquira o coñecemento da lingua galega propio da etapa educativa ao finalizar o segundo ciclo da educación infantil. Iso esixe, evidentemente, conversar, escoitar, ler etc. en galego.
Aos nenos e nenas galegofalantes, estas curtas de animación achéganlles voces e rexistros diferentes ás dos familiares ou do persoal docente que habitualmente o rodean. Isto supón a ampliación da súa experiencia lingüística, o que, sen dúbida, redundará na mellora da competencia. Mentres, para o alumnado castelanfalante, estes recursos audiovisuais presentan un modelo de galego moi coidado e contribúen a crear os espazos de uso da outra lingua na aula que son imprescindibles para alcanzar o dominio esixido no currículo. Ademais, coa gran calidade narrativa e estética das películas, a secretaría xeral quixo asegurar unha relación positiva do alumnado coa lingua galega desde o punto de vista afectivo.
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, adiantara o contido destes materiais no marco dos VIII Encontros de Educación Infantil de Galicia, que se realizaron en Santiago de Compostela o pasado mes de maio coa participación de máis de 500 docentes.