Carmen Pomar subliña a “importancia estratéxica” de promocionar as vocacións científicas e STEM nas aulas desde idades temperás [1]
A conselleira de Educación inaugurou as 19º Xornadas para a aprendizaxe e o ensino das matemáticas (JAEM), que congrega uns cincocentos docentes deste ámbito durante catro días na Coruña

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, inaugurou hoxe a 19 edición das Xornadas para a aprendizaxe e o ensino das matemáticas (JAEM), que congrega na Coruña uns 500 docentes de todas as etapas para debater sobre cuestións educativas relacionadas con este ámbito.
Na súa intervención, Carmen Pomar destacou a “importancia estratéxica” de promocionar as vocacións científicas e STEM desde o sistema educativo e desde idades temperás, de aí que o seu departamento teña en marcha iniciativas concretas como as materias de Robótica e Programación en Primaria e os Clubs de Ciencia e o Bacharelato STEM, entre outras.
A conselleira agradeceu a celebración deste evento –un dos máis importantes que se organiza en España en relación coa educación no ámbito matemático- impulsado pola Federación Española de Sociedades de Profesores de Matemáticas (FESPM) e que en Galicia organiza a Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (Agapema).
Pomar loou o labor dos docentes especializados neste ámbito por ser capaces de mudar a concepción das matemáticas como unha materia “difícil e incomprensible” por outra “que che ensina a solucionar problemas na vida real, a buscar novas vías aos interrogantes de sempre e a pensar de forma autónoma”.
Durante os catro días que dura a edición deste ano, que pechará o sábado, están programadas unhas 150 actividades distintas entre relatorios, talleres, comunicacións e exposicións.