O conselleiro de Educación presentou a estratexia de avaliación de calidade nos servizos educativos, recoñecida coa certificación en xestión da calidade UNE-EN ISO 9001 [1]
A aposta pola excelencia e os servizos da máis alta cualificación valeulle á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a obtención deste certificado

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe a estratexia de avaliación da calidade nos servizos de ensino que está a desenvolver o departamento que dirixe, e pola que vén de obter a certificación de xestión da calidade UNE-EN ISO 9001. Un recoñecemento, outorgado pola Organización Internacional para a Estandarización, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que supuxo un grande reto xa que, tal e como explicou o titular da Consellería, “é a primeira vez que unha certificación deste tipo ten acadado o alcance dun departamento completo, toda unha estrutura administrativa que xestiona todos os niveis educativos non universitarios da educación galega”.
Vázquez Abad explicou que a estratexia de avaliación da calidade da Consellería “parte dunha toma de responsabilidade por parte deste departamento. A do deber, como Administración pública, coa cidadanía, e co servizo público”. Deste xeito fixo fincapé na necesidade de guiar as actuacións da Administración pública cos valores da austeridade e a eficiencia, “ofrecendo o mellor servizo público, desde un comportamento ético imprescindible e buscando sempre un valor engadido de calidade”.
Neste sentido o conselleiro cualificou a mellora da calidade na xestión das organizacións públicas como “un compromiso coa cidadanía e coa rendición de contas”. “A Administración pública débese, pois, aos cidadáns, máis nestes tempos nos que a crise económica revalida e amplía se cabe máis aínda a necesidade destes postulados”, salientou.
Áreas estratéxicas
Xesús Vázquez Abad explicou que a certificación de calidade vén a reflectir o bo facer dunha planificación estratéxica orientada a proporcionar servizos da máis alta cualificación, a través do fomento da cultura da mellora continua e da eficacia e desde un compromiso coa calidade e a excelencia.
“Unha planificación que traballa sobre áreas estratéxicas, e fundamentada na mellora da participación, a convivencia e o éxito escolar nos centros, potenciando a orientación, a avaliación e a excelencia no sistema educativo galego”, engadiu.
O conselleiro lembrou ademais o importante papel que xogan os docentes “na consecución destes obxectivos", polo que fixo mención ao sistema de formación do profesorado como outro dos eidos de actuación da Consellería.
Entre as áreas estratéxicas destacou ademais o avance cara a unha FP máis eficiente, orientada ás demandas dos sectores produtivos e á inserción laboral, impulsando deste xeito tamén unha estrutura de aprendizaxe permanente que permita a toda a cidadanía galega acceder a ensinanzas que lles faciliten o acceso a mellores postos de traballo.
Doutra banda, Vázquez Abad recordou a necesidade de operar cambios no eido educativo para dar resposta ás necesidades cambiantes dunha sociedade cada vez máis dinámica. Así destacou a integración das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) e das linguas estranxeiras no día a día dos centros educativos, que forman parte tamén da estratexia recoñecido coa certificación de calidade.
No bo camiño
“A cidadanía ten o dereito de demandar dos seus representantes a mellor xestión, e a Administración pública o deber de ofrecela, cos máximos de calidade e eficiencia” explicou o conselleiro.
Así, agradeceu o traballo diario de todo este departamento para facer posible unha educación de excelencia en Galicia. “A certificación que hoxe lles presentamos vén a confirmar que esta Consellería está no bo camiño”, concluíu.