Galicia participa na creación da Conferencia de Responsables Autonómicos de Universidade e Investigación, CRAU [1]
Trátase dun órgano de cooperación, debate e discusión entre Comunidades Autónomas no ámbito da política universitaria
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, participou na xornada directores xerais de Universidade celebrada en Baleares
Galicia participa na creación da CRAU (Conferencia de Responsables Autonómicos de Universidade e Investigación), un órgano de cooperación, debate e discusión entre CCAA en materia de política universitaria que se acaba de constituír en Baleares.
Este foi o acordo acadado no marco das Xornadas de Directores Xerais de Universidade celebradas entre onte e hoxe en Palma de Mallorca, onde se deron cita os responsables autonómicos de universidades, e onde en representación de Galicia participou o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.
O encontro serviu de marco de traballo para abordar cuestións como os modelos de financiamento das universidades, o proxecto de Real Decreto para establecer o estatuto do persoal docente e investigador, as probas de acceso a universidade, a política de becas e axudas ao estudo, a modificación do Real Decreto que establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais e a investigación universitaria e a internacionalización, entre outras cuestións.
Actualmente, os responsables de universidade das diferentes comunidades autónomas tratan estes temas a través de grupos de traballo específicos que organizan eles mesmos ou o propio Ministerio. De aí a necesidade de constituírse nun foro estable como a CRAU co obxectivo de impulsar e consolidar espazos de debate e acadar posturas de consenso en torno a cuestións do ámbito universitario.
Ademais de Galicia, nas xornadas participaron os responsables das CCAA de Andalucía, Asturias, Baleares, Canarias, Castela e León, Castela A Mancha, Cataluña, Madrid, Navarra, País Vasco, Valencia e Navarra.