Volven as propostas do FalaRedes ás axendas de lecer dos concellos da Rede de Dinamización [1]
O programa promovido desde a Consellería de Cultura e Educación visita hoxe e o domingo as comarcas de Ourense e Ferrolterra
Xoán Curiel e a banda Son+d2 ao completo seguen o percorrido co seu novo espectáculo A casa do terror
O programa Redecinema continúa coas proxeccións de filmes galegos e en galego
A entrada a todos os espectáculos é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados

En setembro volven as propostas do FalaRedes ás axendas de lecer dos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL). Na fin de semana onde as familias preparan xa a volta ás aulas da rapazada, o programa de dinamización lingüística promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística visita hoxe e o domingo as comarcas de Ourense e Ferrolterra.
Xoán Curiel, a bailarina Marta Alonso e a banda Son+d2 ao completo ofrecerán o novo espectáculo A casa do terror na Praza de San Martiño de Ourense (no Auditorio Municipal, en caso de choiva) este venres 7 de setembro, ás 18:00 horas. E o domingo 9 viaxarán ata Ferrolterra, para actuar na Casa da Cultura de Narón ás 18:00 horas da tarde. A proposta, terrorificamente divertida, combina música, danza e teatro, está pensada para familias con nenas e nenos de entre sete e doce anos. A casa do terror, presenta a historia dun grupo de amigos que se ve obrigado a durmir nun edificio encantado.
Coma sempre no FalaRedes, a entrada aos espectáculos é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados. Toda a información sobre as actividades está dispoñible no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal [2] e na Axenda de Cultura de Galicia.
Próximas paradas: Tui, A Estrada, Moaña e Burela
O FalaRedes volverá a última semana do mes, xa para abrir o outono con ritmos musicais. Daquela, Xoán Curiel e a súa banda estarán o xoves 27 de setembro en Tui (no Teatro Municipal, ás 19:00 horas) o venres 28 na Estrada (Alameda municipal, ou no Teatro Principal, en caso de choiva, ás 19:00 horas) e o sábado 29 farán pase dobre, pola mañá en Moaña (Auditorio do Centro Sociocultural Daniel Castelao, ás 11:30 horas) e pola tarde en Burela (Auditorio da Casa da Cultura, ás 19:30 horas).
Redecinema segue o programa de proxeccións
Durante a próxima semana tamén continuarán nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística as proxeccións de RedeCinema. Este programa de dinamización lingüística é levado a cabo pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura e coa Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e chega xa á súa terceira edición.
Redecinema proxectará o venres 14 na vila luguesa de Sober a película Mimosas, de Óliver Laxe (na Praza do Toural, ás 22:00 horas ou, se chove, no Centro Sociocultural. E o sábado 15 a proxección será en Carral, neste caso do filme Pérez, O ratiño dos teus soños (no Campo da Feira, ás 21:00 horas ou, se chove no Centro Social Toñito Espiñeira). Ata finais de mes chegará tamén aos concellos de Abegondo, A Baña, Xove, Triacastela, Boborás, Moraña, O Rosal, Tomiño e Monforte de Lemos.