A Consellería de Educación adapta o currículo do ciclo de grao medio en electromecánica de vehículos automóbiles aos perfís profesionais demandados no mundo laboral [1]
Deste xeito os titulados neste ciclo terán coñecementos relacionados coas novas tecnoloxías no mundo da automoción e cos vehículos híbridos
O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto para a adaptación destes estudos á Lei das cualificacións profesionais e á Lei orgánica de educación
Nesta lexislatura xa están aprobados 31 novos decretos para modernizar os títulos de FP e está previsto dar o visto e prace a 11 máis nas vindeiras semanas
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de adaptar o currículo do ciclo de grao medio en electromecánica de vehículos automóbiles á Lei orgánica de educación (LOE) e á Lei das cualificacións profesionais. Deste xeito os estudantes e titulados neste ciclo formativo responderán aos perfís profesionais demandados no mundo laboral, especialmente polos sectores produtivos de Galicia, o que supón unha oportunidade de acceso ao mercado de traballo para estas persoas, e unha nova aposta polo emprego por parte da Xunta de Galicia. As persoas que obteñan esta titulación poderán exercer a súa actividade no sector de construción e mantemento de vehículos, nos subsectores de automóbiles, motocicletas e vehículos pesados. Tamén en empresas de frotas de alugamento de vehículos, servizos públicos, transporte de pasaxeiros e mercadorías; en empresas de fabricantes de vehículos e compoñentes; en empresas dedicadas á inspección técnica de vehículos; en empresas dedicadas á fabricación, á venda e á comercialización de equipamentos de comprobación, diagnose e recambios de vehículos; ou en empresas situadas noutros sectores produtivos onde se realicen traballos de mantemento de electromecánica (grupos electróxenos, cintas transportadoras movidas con motor de explosión, etc.).
Neste sentido o novo currículo inclúe formación de cara ao uso de novos materiais (novas aliaxes, materiais compostos, etc.) que constituirán os motores e os elementos da área de electromecánica, cunha redución de peso, o que redundará nun consumo máis racional dos vehículos e nunha menor contaminación. Tamén é parte do temario a formación relativa ao uso de novos elementos electrónicos e informáticos que gobernen os sistemas dos vehículos que, en moitos casos, substituirán os elementos mecánicos. Tamén se introduce a formación nos novos motores alimentados por combustibles non derivados do petróleo, en moitos casos os denominados híbridos (con combustibles alternativos) e eléctricos, capacitando aos titulados para exercer o seu traballo dando resposta ás últimas novidades do sector.
A Consellería de Educación ten así adaptado 31 currículos nesta lexislatura, quedando estes tamén harmonizados co Sistema Nacional das Cualificacións profesionais. Está previsto dar o visto e prace nas vindeiras semanas a 11 máis, no marco da estratexia de posta en valor da formación profesional que está a desenvolver Educación. Nesta mesma liña a Consellería de Educación convocou 3.200 prazas para o recoñecemento da competencia profesional a través da experiencia laboral ou de formación non formal, nun total de 44 unidades de competencia, correspondentes a 8 ciclos formativos diferentes.
Desta forma Educación dá resposta á demanda de diferentes colectivos que necesitan acadar unha certificación oficial da súa cualificación para o desempeño das súas actividades profesionais ou acceder á mobilidade na súa profesión e precisan contar coa acreditación das súas competencias profesionais.
Formación en centros de traballo
Os novos currículos inclúen un módulo de formación en centros de traballo con que os estudantes completarán a formación adquirida no centro educativo mediante a realización de prácticas en situacións reais de traballo no ámbito produtivo da empresa, de acordo coas exixencias derivadas do Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional
Ademais, inclúese formación relativa á prevención de riscos laborais dentro do módulo de formación e orientación laboral, que capacita o alumnado para levar a cabo responsabilidades profesionais equivalentes ás que precisan as actividades de nivel básico en prevención de riscos laborais.
Mobilidade entre estudos
Doutra banda, os novos currículos facilitan a mobilidade entre estudos, establecendo a correspondencia dos módulos profesionais coas unidades de competencia para a súa acreditación, validación ou exención; así como os accesos a outros estudos, as validacións, exencións e equivalencias.
Ademais, ábrese a posibilidade de acceder aos estudos universitarios desde calquera ciclo formativo de formación profesional de grao superior e a de validar os estudos de formación profesional de grao superior por créditos universitarios ECTS –Sistema Europeo de Transferencia de Créditos-.