Educación pon en marcha a Semana STEM para fomentar o espírito científico e tecnolóxico do alumnado [1]
A Consellería inviste máis de 200.000 euros na realización destas estadías, que se realizarán en réxime de internado durante outubro, novembro e decembro
En total, póñense 300 prazas a disposición dos alumnos de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º de ESO
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poñerá en marcha por primeira vez este ano a Semana STEM para fomentar o espírito científico e tecnolóxico do alumnado galego. En concreto, o departamento educativo da Xunta de Galicia oferta un total de 300 prazas destinadas a alumnado de 5º e 6º curso de educación primaria, así como de 1º e 2º curso de ESO de centros docentes públicos.
As estadías serán dunha semana en réxime de internado e realizaranse en seis quendas durante os meses de outubro, novembro e decembro. A Consellería, que acaba de publicar a resolución na súa páxina web [2], destinará 210.540 euros a sufragar os gastos das actividades. O prazo para a presentación de solicitudes comezará mañá e rematará o 15 de setembro de 2017.
Cómpre destacar que esta iniciativa se enmarca na futura Estratexia galega de educación dixital 2020, que se presentará en breve. Un dos principais obxectivos deste plan pasa por fomentar as vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), algo que se está impulsando a través das materias de libre configuración autonómica como Robótica, Programación e Identidade Dixital, esta última de nova implantación o curso que vén.
Asociado a estas materias, a Consellería tamén enviou kits de robótica aos centros de secundaria, unha acción que vén de ser ampliada a primaria, co fin de incentivar estes coñecementos e destrezas desde idades temperás. De feito, o prazo de presentación de solicitudes para participar no programa de robótica en primaria pode consultarse aquí [3]. A maiores, e dentro desta estratexia de potenciación das vocacións STEM, tamén cómpre salientar a posta en marcha dos clubs de ciencia [4].
Actividades con enfoque lúdico, colaborativo e motivador
Neste contexto, a Semana STEM axudará a reforzar este ámbito de coñecemento no eido educativo, necesario para dar resposta aos desafíos profesionais do futuro. Deste xeito, as estadías proporcionarán ao alumnado galego un escenario propicio para desenvolver capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumenten o seu interese por saber, cada vez máis, sobre diversos campos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía.
As actividades non só serán académicas, senón tamén de carácter lúdico-recreativas, que servirán de reforzo ao programa ordinario do currículo do alumnado nas aulas. Os contidos dos cursos inclúen un programa de actividades académicas, de obradoiros, de tempo libre e deportivas. En calquera caso, a finalidade do programa é promover a convivencia entre o alumnado, o traballo en equipo, o aprender facendo mediante un enfoque maker, a creatividade e a motivación para mellorar as súas competencias STEM.
Do mesmo xeito, a metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa e promoverá aprendizaxes competenciais por parte do alumnado, incidindo no uso seguro das novas tecnoloxías.