Consellería de Cultura, Educación e Universidade
Publicado en Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal/portal)

Inicio > Finalizan as probas Celga con 1417 persoas examinadas

Finalizan as probas Celga con 1417 persoas examinadas [1]

Santiago de Compostela e Ponferrada foron as localidades que acolleron os exames durante as últimas dúas fins de semana

Gallego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística finalizou onte as probas correspondentes á convocatoria 2017 de acreditación do certificado de lingua galega (Celga). Os exames remataron onte en Santiago de Compostela e en Ponferrada cun total de 1417 persoas presentadas das 1669 inscritas, das cales se examinaron 1141 na capital de Galicia e 176 en na capital berciana. Por niveis, fixérono 46 no Celga 1, 223 no Celga 2, 311 no Celga 3 e 737 no Celga 4.

Dirixidas a elas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística ofreceu nos últimos meses cursos preparatorios específicos de cada nivel en diferentes concellos, no marco do Plan de formación do 1º semestre de 2017 [2] e nos centros dependentes do departamento educativo da Xunta de Galicia, así como baixo a modalidade de teleformación no caso do Celga 1 e nas escolas oficiais de idiomas adscritas á Consellería de Cultura e Educación.

O Celga é o certificado en lingua galega que expide a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e que acredita o coñecemento da lingua en cinco niveis: Celga 1, Celga 2, Celga 3, Celga 4 e Celga 5. Trátase dun modelo de aprendizaxe, ensino e avaliación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa, no que se describen os coñecementos e habilidades que se contemplan en diferentes niveis para que a comunicación sexa eficaz.

É un sistema que proporciona unha base común para a elaboración de programas de linguas, orientacións curriculares, exames, manuais etc. en toda Europa e confígurase en distintos niveis de coñecemento. Para isto, recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas e agrupa os contidos en lingua e comunicación (aqueles aspectos relacionados coas funcións comunicativas) e lingua e sistema (os vinculados co coñecemento do código e contidos socioculturais).

Lingua galega [3]

URL fonte: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/22534

Ligazóns
[1] https://www.edu.xunta.gal/portal/node/22534
[2] http://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias/_/Formacion/convocatoria_0223/cursos-lingua-galega-preparatorios-das-probas-para-celga-1-2-3-4
[3] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/234