Consellería de Cultura, Educación e Universidade
Publicado en Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal/portal)

Inicio > Arrancan as probas de acreditación da lingua galega nas que se examinarán preto de 1700 persoas

Arrancan as probas de acreditación da lingua galega nas que se examinarán preto de 1700 persoas [1]

Santiago de Compostela e Ponferrada acollen os exames nos seus catro niveis entre esta fin de semana e a que vén

Gallego

A convocatoria de probas para a obtención dos certificados de lingua galega nos niveis 1, 2, 3 e 4 do ano 2017 arranca hoxe e nela está previsto que se examinen 1669 persoas matriculadas, das cales 1444 participarán nas probas de Santiago de Compostela e 225 en Ponferrada. Farano, por niveis, 67 persoas no Celga 1 (65 en Santiago e 2 en Ponferrada); 276 persoas no Celga 2 (254 en Santiago e 24 en Ponferrada); 418 persoas no Celga 3 (368 en Santiago e 50 en Ponferrada); e 908 no Celga 4 (759 en Santiago e 149 en Ponferrada).

En Galicia, a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e o compostelán IES Antonio Fraguas acollerán durante esta fin de semana os exames correspondentes ao Celga 4 (hoxe) e ao Celga 2 (mañá, domingo), os mesmos centros nos que se desenvolverán durante a vindeira fin de semana as correspondentes ao Celga 3 (o sábado 17) e ao Celga 1 (o domingo 18). No caso de Ponferrada, todas as probas se realizarán na Escola Oficial de Idiomas.

Co fin da preparación das probas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística ofreceu nos últimos meses cursos preparatorios específicos de cada nivel en diferentes concellos, no marco do Plan de formación do 1º semestre de 2017 [2] e nos centros dependentes do departamento educativo da Xunta de Galicia, así como baixo a modalidade de teleformación no caso do Celga 1 e nas escolas oficiais de idiomas adscritas á Consellería de Cultura e Educación.

O sistema Celga

O Celga é o certificado en lingua galega que expide a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e que acredita o coñecemento da lingua en cinco niveis: Celga 1, Celga 2, Celga 3, Celga 4 e Celga 5. Trátase dun modelo de aprendizaxe, ensino e avaliación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa, no que se describen os coñecementos e habilidades que se contemplan en diferentes niveis para que a comunicación sexa eficaz.

O sistema Celga proporciona unha base común para a elaboración de programas de linguas, orientacións curriculares, exames, manuais etc. en toda Europa e confígurase en distintos niveis de coñecemento. Para isto, recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas e agrupa os contidos en lingua e comunicación (aqueles aspectos relacionados coas funcións comunicativas) e lingua e sistema (os vinculados co coñecemento do código e contidos socioculturais).

Lingua galega [3]

URL fonte: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/22390

Ligazóns
[1] https://www.edu.xunta.gal/portal/node/22390
[2] http://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias/_/Formacion/convocatoria_0223/cursos-lingua-galega-preparatorios-das-probas-para-celga-1-2-3-4
[3] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/234