Consellería de Cultura, Educación e Universidade
Publicado en Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal/portal)

Inicio > Política Lingüística convoca 10 prazas en lectorados de España, Irlanda, Alemaña, Portugal e Italia

Política Lingüística convoca 10 prazas en lectorados de España, Irlanda, Alemaña, Portugal e Italia [1]

O Diario Oficial de Galicia publica a hoxe as cinco prazas que completan a oferta para profesorado-lector de lingua, literatura e cultura galegas prevista neste ano

As universidades de destino son a do Algarve, Estremadura, Granada, Complutense de Madrid e Padua e o prazo de solicitudes para elas estará aberto desde mañá ao 6 de xullo

As persoas aspirantes ás universidades Autónoma de Barcelona, Cork, Deusto, Heidelberg e Miño, convocadas hai unha semana, poderán presentar a súa solicitude ata o día 26 de xuño

Gallego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de convocar, por medio de dúas ordes publicadas no Diario Oficial de Galicia, dez prazas de profesorado-lector de lingua, literatura e cultura galegas noutros tantas universidades integradas na Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a ORDE do 2 de xuño de 2017 pola que se aproban as bases e se anuncia a convocatoria pública de cinco bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas (ED110A) [2], que ten como centros de destino as universidades do Algarve, a de Estremadura, a de Granada, a Complutense de Madrid e a de Padua. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá ao vindeiro 6 de xullo.

O pasado día 24, o Diario Oficial de Galicia recolleu a ORDE do 2 de maio de 2017 pola que se publican as bases e se anuncia a convocatoria pública para cubrir cinco prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas (ED110B) [3], que ten como universidades de destino a Autónoma de Barcelona, a de Cork, a de Deusto, a de Heidelberg e a de Miño. As persoas aspirantes a concorrer a elas, poden facelo xa ata o día 26 de xuño. Coas dúas convocatorias sinalas, o departamento dirixido por Valentín García renova 10 dos 27 centros que contan con profesorado-lector.

Titulacións requiridas para optar ás prazas

Entroutros requisitos, as persoas concorrentes a estas 10 prazas deben estar en posesión do título de Licenciatura en Filoloxía Galega ou en Filoloxía Románica sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego, grao en Lingua e Literatura Galegas, Grao en Estudos de Galego e Español ou Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios. Requírese tamén ter unha idade máxima de 35 anos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Ademais, ás prazas localizadas en Irlanda, Alemaña e Italia poderá presentarse tamén quen estea en posesión da Licenciatura en Tradución e interpretación sempre que acredite 27 créditos en materias de galego e 21 en materias de inglés ou ben da lingua oficial do país onde se localice o lectorado solicitado. Tamén poderán concorrer os graduados universitarios en Tradución e Interpretación, pero neste caso deberán acreditar 30 créditos de materias de galego e 21 en materias de inglés ou da lingua oficial do país de destino.

As persoas aspirantes terán que defender no mes de xullo, diante da comisión técnica de valoración constituída ao efecto, o proxecto didáctico que propoña aplicar no lectorado de destino, tal e como establecen as bases e os requisitos de participación das dúas convocatorias que xa se poden consultar no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal [4]).

Proxección exterior do galego

A posibilidade de estudar a lingua e a cultura de Galicia en Universidades de América e de Europa é unha realidade consolidada que leva contribuído de maneira fundamental á difusión do galego no exterior, á investigación lingüística desde perspectivas moi diversas e tamén ao prestixio da lingua entre os seus propios falantes, ao observaren o interese e o recoñecemento que posúe fóra das fronteiras administrativas de Galicia.

Na actualidade, o galego é obxecto de estudo en 35 universidades. 27 delas contan con lectores asentados en departamentos coñecidos como Centro de Estudos Galegos, que imparten materias de lingua galega adaptadas ás necesidades do alumnado de cada universidade (gramática histórica, cursos de conversa, cursos de lingua e civilización etc.). Asemade, numerosas actividades relacionadas coa lingua galega e, en xeral, co patrimonio de Galicia complementan os programas formativos.

Así, por medio de convenios de colaboración que subscribe a Administración autonómica galega desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, os centros de estudos galegos en funcionamento localízanse en Alemaña, Brasil, Croacia, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia e Suíza. A súa creación responde a un dos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega fixados no ámbito da proxección exterior que incide en “consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico”.

Lingua galega [5]

URL fonte: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/22337

Ligazóns
[1] https://www.edu.xunta.gal/portal/node/22337
[2] http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170606/AnuncioG0164-010617-0006_gl.html
[3] https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170524/AnuncioG0164-110517-0003_gl.html
[4] http://www.lingua.gal/
[5] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/234