Consellería de Cultura, Educación e Universidade
Publicado en Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal/portal)

Inicio > Román Rodríguez visita o Centro de Estudos Galegos da Universidade da Sorbona

Román Rodríguez visita o Centro de Estudos Galegos da Universidade da Sorbona [1]

O conselleiro de Cultura e Educación achegouse ao centro universitario en cuxo lectorado aprenden lingua, literatura e cultura galegas 23 alumnos e alumnas no ano académico en curso

Gallego
Román Rodríguez visita o Centro de Estudos Galegos da Universidade da Sorbona

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe á mañá o Centro de Estudos Galegos de París / Centre d’Etudes Galiciennes da Université de Paris III – Sorbonne Nouvelle, en cuxo lectorado aprenden lingua, literatura e cultura galegas 23 alumnos e alumnas no ano académico en curso.

Acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia mantivo un encontro co seu responsable, Eric Beaumatin, e coa lectora e profesora de lingua galega na sede parisina do Instituto Cervantes, Ánxela París.

O conselleiro tivo oportunidade de coñecer a programación de actividades prevista para conmemorar desde a capital francesa as Letras Galegas 2017, dedicadas a Carlos Casares, que se traballará desde as aulas e tamén desde as actividades complementarias que desenvolve  este lectorado a través dos relatos da obra 'Vento ferido'. O programa completarase con obradoiros e outras iniciativas como conferencias, relatorios divulgativos e seminarios que terán como núcleo temático a figura, a vida e a obra do autor ourensán.

Actualmente, as materias ofertadas no marco do lectorado en lingua, cultura e literatura galegas da Universidade da Sorbona son Galicien 1 (de introdución ao contexto galego, a súa lingua e cultura), Galicien 2 (co tratamento de textos máis complexos a partir de documentos audiovisuais sobre temas de actualidade), e a materia ‘Sexo e literatura: as actitudes de xénero dentro do espazo galego’. O obxectivo principal desta materia é dar a coñecer a relación entre mulleres e escrita no contexto da literatura galega. Para iso, o curso céntrase no auxe da literatura de mulleres nos anos 80 e 90, con figuras como Xohana Torres, María Xosé Queizán, Pilar Pallarés ou Lupe Gómez.

A posibilidade de estudar a lingua e a cultura de Galicia en Universidades de Europa e de América é unha realidade consoliada que leva contribuído de maneira fundamental á difusión do galego no exterior, á investigación lingüística desde perspectivas moi diversas e tamén ao prestixio da lingua entre os seus propios falantes, ao observaren o interese e o recoñecemento que posúe fóra das fronteiras administrativas de Galicia.

Lingua galega [2]
Universidade [3]
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional [4]

URL fonte: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/21742

Ligazóns
[1] https://www.edu.xunta.gal/portal/node/21742
[2] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/234
[3] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/108
[4] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/206