Consellería de Cultura, Educación e Universidade
Publicado en Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal/portal)

Inicio > Educación presenta a nova Guía do Sistema Universitario de Galicia, adaptada ao Plan Bolonia

Educación presenta a nova Guía do Sistema Universitario de Galicia, adaptada ao Plan Bolonia [1]

Xesús Vázquez Abad recordou que este documento é un importante recurso de orientación que facilita aos estudantes de novo ingreso a súa incorporación á universidade

Gallego
O conselleiro de Educación na presentación da Guía da universidade
O conselleiro de Educación na presentación da Guía da universidade

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, vén de presentar a nova Guía do Sistema Universitario de Galicia, que non se editaba desde o 2003. No acto celebrado en San Caetano estiveron presentes o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a subdirectora xeral de universidades, Beatriz Soutelo, e o xefe do servizo de estudantes da universidade, José Luis Villar, que é o responsable da edición de dita guía.

Un documento, que tal e como sinalou o conselleiro “pretende ser un importante recurso de orientación que lles facilite aos estudantes de novo ingreso a súa incorporación á universidade, para darlles a coñecer todas as posibilidades que o Sistema Universitario de Galicia lles ofrece no seu proceso formativo”. E recordou que ademais ten como obxectivo servir de axuda e informar sobre os cambios e a reestruturación dos plans de estudos de grao e posgrao, postos en marcha coa implantación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), que xa é aplicada en todas as universidades españolas no presente curso académico.

Durante a presentación Vázquez Abad sinalou que todos os implicados na educación universitaria son a base do Sistema Universitario de Galicia “tanto desde unha perspectiva docente como investigadora, pero tamén do importante labor que aínda está por desenvolver e do camiño a andar para cumprir coa obriga de satisfacer as expectativas de futuro dos nosos estudantes universitarios e da sociedade galega no seu conxunto”.

O contido da Guía

A guía presentada hoxe encóntrase dividida en nove capítulos, que facilitan o seu emprego para poder acceder de forma máis sinxela ao apartado que se precise. Deste modo as dúas primeiras partes están centradas na presentación e explicación do EEE, así como de Boloña e da súa estrutura. Doutra banda o terceiro e cuarto apartado dan a coñecer a oferta de titulacións e de ensinanzas de grao e posgrao (onde se inclúen as equivalencias dos antigos estudos) dentro do sistema universitario galego.

Do mesmo modo o quinto capítulo fai referencia á oferta de graos no SUG, e o sexto dá conta de todos os existentes nas universidades españolas.

Os apartados sétimo e oitavo van dirixidos ao alumnado, ao que se lle informa das probas de acceso á universidade e o ingreso nos centros universitarios do SUG.

Ademais dáse información sobre as bolsas, axudas e premios da Consellería e do Ministerio de Educación así como de outras administracións. Os últimos capítulos do libro están dedicados ás residencias universitarias, enderezos de interese, así como a información xeral de interese para os estudantes.

Datos estatísticos do SUG

Tras a presentación da Guía do Sistema Universitario de Galicia o conselleiro, que estivo acompañado polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, informou dos últimos catro libros de datos estatísticos do SUG, desde o curso 2005 ata o actual, xa están a disposición de todos aqueles que os queiran consultar.

En relación a estes catro libros Vázquez Abad recordou que “coa súa publicación ponse en coñecemento da sociedade os datos estatísticos que nos ofrecen unha realidade obxectiva do noso sistema universitario”, e recordou que “os datos inclúen referencias ao alumnado universitario, o persoal docente e investigador e o persoal de administración e servizos”. Asemade o conselleiro recordou que “estas publicacións son unha ferramenta para posibilitar o deseño e avaliación de políticas universitaria a prol dunha maior eficiencia dos recursos públicos”.

Tanto a Guía do SUG como os libros cos datos estatísticos poden ser consultados a través da páxina web da Consellería de Educación. Ademais haberá exemplares da Guía en preto de cincocentos centros de bacharelato e de formación profesional, así como nas oficinas de información xuvenil de 315 concellos. Do mesmo xeito tamén estarán nas universidades e na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG), en centros de formación e recursos e en bibliotecas Nodais, na Cidade da Cultura entre outros espazos.

 

  • Acceso á Guía do Sistema Universitario de Galicia [2]
  • Acceso aos datos estatísticos [3]

 

Información xeral [4]
Estatísticas [5]
Universidade [6]
Secretaría Xeral de Universidades [7]
Profesorado [8]
Alumnado [9]

URL fonte: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/2134

Ligazóns
[1] https://www.edu.xunta.gal/portal/node/2134
[2] https://www.edu.xunta.gal/portal/guiasug
[3] https://www.edu.xunta.gal/portal/estatisticas
[4] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/123
[5] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/130
[6] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/108
[7] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/6
[8] https://www.edu.xunta.gal/portal/profesorado
[9] https://www.edu.xunta.gal/portal/alumnado