O conselleiro de Educación participa na reapertura da mostra “Na fronte unha estrela” dedicada a Curros Enríquez, en Celanova [1]
Xesús Vázquez Abad destacou que “a nosa lingua é patrimonio de todo o pobo galego”

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe pola mañá a reapertura da exposición “Na frente unha estrela”, na Casa dos Poetas, en Celanova. O acto contou coa presenza do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín, entidade organizadora do evento xunto á Fundación Manuel Curros Enríquez.
Xunto a eles estiveron o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López; o alcalde de Celanova, Antonio Mouriño Villar; o secretario da RAG, Xosé Luis Aceitos; e o subdelegado do Goberno en Ourense, Camilo Ocampo Gómez. Ademais asistirón outros académicos da Real Academia Galega, patróns da Fundación; autoridades e representantes institucionais da provincia de Ourense, así como da Fundacións galegas de escritores; de entidades culturais da provincia de Ourense e Amigos da Fundación Curros Enríquez.
A lingua de todos
Durante a súa intervención o conselleiro destacou que “esta mostra representa a unidade Casa de Curros-Academia Galega, para conservar trasladar ás novas xeracións a memoria viva de quen foi iniciador e partícipe da Corporación que vela polo noso idioma, polo tanto, non vou incidir máis nisto”.
Así mesmo destacou que “estamos nun dos “altares” da nosa terra, dende onde facer un chamamento á concordia e á lealdade institucional. A lingua propia de Galicia, a lingua que cantou e defendeu Manuel Curros Enríquez en Aires da miña terra, desde o poema inicial do libro, non é propiedade de ninguén” ao que engadiu que “a nosa lingua é patrimonio de todo o pobo galego, mesmo daqueles galegos e galegas que non o empregan”.
Os elementos da mostra
A mostra xa estivera aberta ao público no 2008, na Casa de Curros, con motivo da conmemoración do I Centenario do poeta e que agora foi montada con carácter de exposición permanente no mesmo espazo ligando así á Real Academia Galega coa Fundación Curros Enríquez.
A exposición repasa a etapa final da vida de Curros Enríquez desde o acto de coroación poética, acontecido en 1904 na Coruña, no que lle foi entregada unha gran coroa de prata que forma parte dos arquivos da Real Academia e que agora permanecerá permanentemente na Casa de Curros, xunto con outros obxectos de gran simbolismo na biografía do autor galego.
Entre os obxectos exhibidos destacan unha reproducción da bandeira de Galicia que acompañou o féretro de Curros dende a Habana ata a Coruña, así como unha reproducción do boceto do busto que o escultor fixo en xeso para a execución do monumento a Curros Enríquez que se atopa nos Cantóns da Coruña. Ademais a mostra conta cun espazo adicado á música.