Consellería de Cultura, Educación e Universidade
Publicado en Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal/portal)

Inicio > O alumnado galego de FP e universidades poderá realizar prácticas na rexión de Brainport Eindhoven

O alumnado galego de FP e universidades poderá realizar prácticas na rexión de Brainport Eindhoven [1]

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e a directora de programas de Brainport Development, Yvonne van Hest, asinaron esta mañá no Museo de Galicia un convenio que prevé a realización de prácticas nesta punteira rexión de Holanda

No acto de sinatura e na reunión posterior estivo presente o embaixador dos Países Baixos en España, Matthijs van Bonzel, que se interesou e polos avances acadados nos últimos anos no sistema de FP autonómico

Román Rodríguez afirmou que a sinatura deste convenio suporá un enriquecimento recíproco para Brainport e Galicia e implica un recoñecemento implícito “a calidade dos nosos docentes, así como a excelente formación que acada o noso alumnado”

Galicia será a segunda comunidade, logo do País Vasco, que subscriba a realización de prácticas nesta rexión neerlandesa

Gallego
O alumnado galego de FP e universidades poderá realizar prácticas na rexión de Brainport Eindhoven

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a directora de programas de Brainport Development, N.V., Yvonne van Hest, asinaron hoxe no Museo de Galicia e en presenza do embaixador dos Países Baixos en España, Matthijs van Bonzel, un convenio de colaboración para que o alumnado galego que curse Formación Profesional Superior ou ensinanzas universitarias poida realizar prácticas en empresas de Brainport Eindhoven, unha rexión punteira en sistemas e materiais de alta tecnoloxía, alimentación, automoción e deseño, e un piar importante da economía neerlandesa. Galicia será a segunda comunidade, logo do País Vasco, que subscriba a realización de prácticas en empresas e institucións desta rexión neerlandesa.

O conselleiro de Cultura explicou que esta sinatura “é un punto de partida para un enriquecimento recíproco co que implicitamente se recoñece a importancia da FP galega, a calidade dos nosos docentes, así como a excelente formación que acada o noso alumnado” o que xerará −dixo− “unha oferta de prácticas de calidade e axustadas ao perfil curricular dos candidatos, especialmente no campo tecnolóxico e das TIC.” Román Rodríguez engadiu “se isto é posible éo porque a FP galega caracterízase por un alto nivel de calidade, dinamismo, innovación, empregabilidade.”

A sinatura do convenio estivo presidida polo embaixador dos Países Baixos en España, Matthijs van Bonzel e enmárcase dentro do programa da visita institucional da delegación  holandesa a Galicia, que comezou onte con reunións e visitas á Universidade de Vigo e remata hoxe cun encontro bilateral para debater sobre o sistema de FP galego e as vías de cooperación entre a rexión de Brainport Eindhoven, coa sinatura do convenio marco e cunha visita á cidade de Santiago.

Colaboración estratéxica

O presente acordo está orientado á creación dun espazo estratéxico de cooperación internacional e ten como referencia o Convenio Marco de colaboración entre o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte de España e Brainport Development, N.V., organización que fomenta e desenvolve proxectos e programas rexionais, nacionais e internacionais, promociona Brainport dentro e fóra do país, e favorece a industria rexional mediante o asesoramento ás empresas, institucións educativas e administracións públicas.

Na reunión mantida logo da sinatura para intercambiar impresións sobre o sistema de Formación profesional galego e as necesidades produtivas neerlandesas, participaron, ademais do embaixador de Holanda –que se interesou polos avances na FP galega− e do conselleiro de Educación, a directora de programas de Brainport Development, Yvonne van Hest; o xerente do Centro de Talento de Brainport Development, Richard Kerste; o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; así como diversos representantes da administración, empresas e sistema educativo galego e de Brainport Development.

Información xeral [2]
Formación Profesional inicial [3]
Universidade [4]
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional [5]
Dirección Xeral de Formación Profesional [6]
Entidades europeas e internacionais [7]
Alumnado [8]

URL fonte: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/19924

Ligazóns
[1] https://www.edu.xunta.gal/portal/node/19924
[2] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/123
[3] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/85
[4] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/108
[5] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/206
[6] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/8
[7] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/406
[8] https://www.edu.xunta.gal/portal/alumnado