Case o 92% dos titulados nun máster do SUG obtiveron un emprego tras rematar estes estudos [1]
Os datos proceden da única análise que existe en España sobre a inserción laboral destes titulados, que foi realizado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia
Case o 90% dos que traballaban no momento da realización da enquisa facíao en Galicia
O secretario xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, José Alberto Díez de Castro, participou hoxe na presentación de resultados do ‘Estudo da inserción laboral dos titulados en Másteres no Sistema Universitario de Galicia 2010-2011’, a segunda edición dunha investigación única a nivel nacional que analiza a entrada no mercado laboral das persoas que cursaron este tipo de estudos, así como a valoración que dos mesmos fan. Neste sentido o secretario xeral de Universidades fixo fincapé en que os estudos de inserción laboral realizados pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) son únicos e pioneiros en España, ademais de teren un alto grado de fiabilidade pola súa calidade.
Neste sentido, e ao igual que ocorre co informe anual que realiza tamén a ACSUG sobre a inserción laboral dos titulados en licenciaturas e graos, destaca a amplísima mostra coa que a Axencia traballa. Non el balde, para o presentado hoxe foron enquisados 1.526 mozas e mozos do total de 2.099 que realizaron os seus estudos de máster no curso 2010-2011, é dicir un 72,70% da poboación obxecto. A enquisa realizouse entre xuño e xullo de 2014, aproximadamente 3 anos despois de obteren o seu título.
O obxectivo principal deste informe é proporcionar información sobre os titulados universitarios en másteres no Sistema Universitario de Galicia (SUG), de xeito que os resultados acadados contribúan á mellora da calidade das ensinanzas universitarias ofertadas aos futuros estudantes. Ademais do secretario xeral de Universidades, participaron na presentación a presidenta da ACSUG, Patrocinio Morrondo e o director da Axencia, Eduardo López Pereira.
Inserción laboral en Galicia
A situación laboral dos enquisados reflicte que un 91,9% dos titulados de máster traballaron nalgún momento desde que remataron estes estudos. Deles, un 73,5% estaba empregado no momento da realización das preguntas e un 18,4% que non estaba ocupado, pero si o estivo desde que acabou o máster. O restante 8,1% dos titulados non traballaron en ningún momento desde que remataron o máster. Neste mesmo sentido cómpre sinalar que dos enquisados un 68,3% xa traballaban con anterioridade á realización do máster; e que a maioría, o 61,6%, simultanearon o seu posto de traballo co máster.
Por ramas de coñecemento, os mellores resultados no tocante ao acceso ao emprego despois do máster preséntanos as ramas de Ciencias da Saúde e de Enxeñaría e Arquitectura. Na primeira, un 94,0% dos titulados traballou nalgún momento desde a finalización do máster, e ata un 77,2% facíao no momento da enquisa. En canto á rama de Enxeñaría e Arquitectura, estas porcentaxes son do 93,6% para os que traballaron logo de remataren o máster, e do 81,0% para os que contaban cun emprego cando recibiron a chamada. Nas ramas de Ciencias e de Artes e Humanidades os datos son dun12,5% e un 11,9%, respectivamente.
Cómpre destacar que a gran maioría dos titulados en másteres no SUG traballaba en Galicia 88,1% no momento da realización da enquisa; mentres que o 10,1% dos titulados tiña a súa ocupación laboral nalgún lugar do resto de España, e o 1,7% fóra de España, de forma maioritaria en países pertencentes á Unión Europea.
Así mesmo, cabe indicar que o tempo medio para que un titulado de máster atope traballo despois de rematalo é de 8,29 meses; cifra que baixa ata os 6,31 meses no caso da rama de Enxeñaría e Arquitectura e aos 6,36 na de Ciencias da Saúde. Pola contra este tempo increméntase nas ramas de Ciencias (10,27 meses) e Artes e Humanidades (10,21 meses).
Motivación e satisfacción
No referido aos motivos polos que cursar estes estudos, o máis destacado polos enquisados foi o de complementar a formación académica para obter unha maior especialización no mercado de traballo, ampliar as saídas laborais e acadar un maior desenvolvemento profesional (57,6%). En segundo lugar, os enquisados apuntaron a complementar a formación académica previa para realizar o doutoramento e dedicarse á investigación (30,1%), seguido dun 17,0% de titulados que afirmaron que o máster era necesario ou obrigatorio para o seu futuro emprego ou perspectiva laboral (profesores de secundaria, avogados, etc.).
Tras a realización destes estudos, un 57,5% dos enquisados considera que o más ter si lles ofreceu bastante ou moita formación adicional; e un 44,1% afirmou que o seu o seu traballo está bastante ou moi relacionado co programa que cursou.
En canto á valoración do máster por parte dos titulados, o 73,3% volverían a realizar o mesmo máster; ao consideralo o 42,4% bastante ou moi útil. Ademais, o 39,6% considera que estes estudos están bastantes ou moi valorados no seu ámbito laboral, mentres que un 33,1% percíbenos como pouco ou nada estimados.
A este respecto o secretario xeral de Universidades considerou que é necesario potenciar a especialización académica dos másteres, incentivando a creación de novos proxectos de títulos cunha clara vocación profesional, de alta demanda laboral, e que permitan cubrir perfís profesionais ata o momento pouco atendidos. En calquera caso Díez de Castro explicou que “a Xunta pode impulsar e apoiar o proceso, e de feito xa se está a esixir nas memorias de todos os novos proxectos de máster unha axeitada xustificación da oportunidade do título, a súa adaptación a perfís profesionais de futuro e que incorporen obrigatoriamente prácticas externas”, pero lembrou que as universidades son quen elaboran as memorias das titulacións e, por tanto, quen deben afondar nesta nova vía de oferta educativa.