Política Lingüística convoca axudas dirixidas a promover o uso da lingua galega desde o ámbito educativo [1]
A secretaría xeral destina 50.700 euros para a realización de proxectos de fomento do galego nos centros de ensino de titularidade privada
A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca axudas para fomentar o uso do galego desde o ámbito educativo durante o curso escolar 2010-2011. O departamento da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se anuncia a convocatoria de subvencións destinadas á execución dos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino privado de Galicia, promovidos polos equipos de dinamización da lingua galega.
O crédito destinado ao financiamento dos proxectos ascende a 50.700 euros e a achega económica que se asigne a cada un será determinada por unha comisión de cualificación en base a diversos criterios. Por unha banda, terase en conta a calidade do proxecto, en función da implicación activa dos membros da comunidade no proxecto, da orixinalidade das propostas, da colaboracións con outras institucións e outros centros educativos etc. Por outra banda, tamén se terá en conta na valoración do proxecto o número de estudantes.
Os centros educativos poderán presentar as súas solicitudes ata o día 17 de febreiro.
Medidas dirixidas á promoción do uso do galego nos centros educativos
O pasado 1 de setembro, a Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén fixo pública a convocatoria de axudas para os proxectos de fomento do uso do galego dirixidas aos centros de ensino público de Galicia.
Estas dúas convocatorias de subvencións, cuxa contía ascende a máis de 800.000 euros, inclúense nun amplo conxunto de medidas impulsadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística dirixidas á promoción da lingua galega desde o ámbito educativo. Entre elas atópanse a convocatoria de premios para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística, a organización de seminarios de dinamización lingüística dirixidos á formación dos membros e coordinadores dos equipos de dinamización dos centros e mais a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios.