Bocaberta achégase ao Nadal con diversas actividades musicais e de banda deseñada para os máis novos [1]
O programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística achegaralles a lingua galega a mozos e mozas de cinco concellos nos próximos días

Bocaberta, o programa de dinamización do galego que a Secretaría Xeral de Política Lingüística dirixe aos mozos e mozas de 3 a 18 anos, segue coa súa actividade nos días previos ao Nadal. A banda deseñada e a música serán esta semana as apostas desta iniciativa para achegarlles a lingua galega aos máis novos.
As propostas de Bocaberta visitarán esta semana cinco concellos, na súa xira por todos os municipios galegos ata próximo mes de maio. Ti creas a historia, o obradoiro de banda deseñada impartido polo debuxante Anxo Fariña, visita hoxe o CPI Domingo Fontán, en Portas, e o martes 21 estará no CPI Curros Enríquez, de Pazos de Borbén, para ensinarlles aos mozos e mozas os segredos do cómic.
Tamén a banda deseñada será a protagonista dos obradoiros de Galimatías, que se levarán a cabo na Casa da Cultura do Milladoiro, en Ames, o xoves día 23. Galimatías é un proxecto realizado en colaboración coa editorial El Patito que, ademais de talleres, incorpora a edición quincenal dunha revista na que se publica o mellor do cómic en galego. O próximo número da publicación distribuirase gratuitamente co xornal El Correo Gallego o próximo venres 24.
Música para os máis pequenos
A música, neste caso a dirixida aos máis pequenos da casa, é a base da actividade En clave de conto, que levará os seus obradoiros á Biblioteca Municipal de Cambados o mércores día 22. Mentres, o musical infantil Ola, ola, la!, interpretado polo grupo Mamá Cabra, estará o xoves no Pavillón Municipal de Verín.
Máis información nas redes sociais
Para máis información de horarios e localizacións, o programa conta cun boletín semanal, accesible desde o web http://www.xunta.es/linguagalega/bocaberta [2]. Ademais, co obxectivo de ligar as actividades ao público infantil e xuvenil ao que van dirixidas, puxéronse en funcionamento canles de Bocaberta nas principais redes sociais da internet (Facebook, Twitter e Tuenti).
Un percorrido por todos os concellos de Galicia
Bocaberta é un programa co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística levará a todos os concellos de Galicia, ata o próximo mes de maio, un total de 747 actividades, destinadas a fomentar o uso do galego entre os mozos e mozas entre 3 e 18 anos. A música pop, a maxia, a banda deseñada, os obradoiros de escrita e de oralidade ou as tecnoloxías da información e da comunicación centran as actividades deste programa de dinamización lingüística.