O director xeral de Educación felicita ao alumnado gañador da Olimpíada galega de Química e Física polo seu esforzo e curiosidade [1]
Manuel Corredoira participou no acto de entrega de diplomas destes dous eventos, que axudan a promover a vocación científica entre o alumnado
O director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, participou hoxe no acto de entrega de diplomas da XXXIII Olimpíada galega de Química e da XXVII Olimpíada galega de Física, onde felicitou ao alumnado galardoado polo seu esforzo e a súa curiosidade, que axudan a camiñar cara unha educación cada día máis moderna e adaptada aos novos desafíos globais.
Así mesmo, o representante do departamento educativo da Xunta de Galicia tamén recoñeceu o traballo das familias e do profesorado, a través do que promoven a vocación científica entre o alumnado; así como dos Colexios de Químicos e de Físicos de Galicia por desenvolver iniciativas como esta.
Durante o seu discurso, Manuel Corredoira lembrou a importancia das ciencias químicas e físicas na vida cotiá, tanto desde o punto de vista profesional como de benestar colectivo. Deste xeito, o director xeral de Educación subliñou que os grandes cambios científicos que se producen na actualidade requiren de profesionais cualificados neses eidos, e que o crecemento e progreso dun país debe ir acompañado do avance en ciencia e tecnoloxía.