Anxo Lorenzo avoga por un traballo “coordinado e colaborativo entre admiministracións e institucións” na promoción lingüística [1]
Así o afirmou na inauguración das VII Xornadas sobre Lingua e Usos, organizadas pola Universidade da Coruña en colaboración con Política Lingüística e a RAG
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, salientou a importancia de levar a cabo un “traballo coordinado e colaborativo entre administracións e institucións a prol do fomento do uso do galego”. Así o afirmou no acto de inauguración das VII Xornadas sobre Lingua e Usos, que este ano se centran no tema Lingua e Sanidade,
Durante o acto, que tivo lugar no edificio universitario do campus de Oza, da Universidade da Coruña (UDC), Anxo Lorenzo salientou “a relevancia de que o traballo de promoción da lingua galega se faga desde todas as instancias en que se constrúe a Galicia actual: a administración, a economía e a empresa, a cultura etc”.
Ao fío disto, o responsable de Política Lingüística fixo fincapé en que “toda meta e conquista social, do tipo que sexa, pasa necesariamente pola sinerxía e pola conxunción de esforzos, recursos e coñecementos, que neste caso concreto se dan entre institucións públicas e un organismo, como é a Real Academia Galega, de vocación de servizo á cidadanía de Galicia”.
A Xunta formará parte da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística
Finalmente, Anxo Lorenzo aproveitou o marco das xornadas, organizadas polo servizo de normalización lingüística da UDC para anunciar a integración da Xunta de Galicia na Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, “para unha mellor coordinación da actuación dos poderes públicos competentes no ámbito da política universitaria de normalización lingüística”.