A Consellería de Educación fomenta a cultura emprendedora no ensino co plan ‘eduemprende' [1]
O director xeral de Educación presentou hoxe esta iniciativa, que se desenvolve en colaboración con BIC Galicia
O director xeral de Educación, Jose Luis Mira Lema, presentou hoxe no CIFP Politécnico de Santiago o Plan de Emprendemento no sistema educativo de Galicia, ‘eduemprende’. Esta iniciativa constitúese como o marco de fomento do espírito emprendedor e establece a estratexia de fomento da cultura emprendedora que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria quere transmitir á comunidade educativa, tarefa para a que conta co apoio da Consellería de Economía e Industria, a través do Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia (BIC Galicia).
Deste xeito, a Xunta de Galicia fai unha aposta clara e firme pola implantación na comunidade educativa dos niveis non universitarios desta cultura tan necesaria na procura da mellora da competitividade das nosas empresas e da empregabilidade dos galegos e das galegas; coordinando, así mesmo, as sinerxias en materia emprendedora que actuan sobre o sistema educativo, ordenando e planificando a súa actuación. Non en balde, a Unión Europea ten emitido recomendacións respecto da necesidade de contar con máis persoas emprendedoras e empresas innovadoras, polo que este Plan concreta os aspectos e liñas de actuación promovidos neste sentido pola UE, adaptándoos ás características da Comunidade Autónoma.
Neste acto o director xeral de Educación estivo acompañado pola directora de BIC Galicia, María Teresa Cancelo Márquez; e polo director da Escola de Negocios de Caixa Nova, Eduardo García Erquiaga.
Eixos estratéxicos
Co fin de acadar un avance sensible na cultura do emprendemento do alumnado e do profesorado, coa experiencia previa dos programas xa desenvolvidos e os resultados obtidos na súa aplicación, ‘eduemprende’ incorpora un conxunto de actuacións, estruturadas en catro eixos estratéxicos, obxectivos e iniciativas, de carácter eminentemente práctico e adaptadas a cada nivel educativo. Tres deles inciden directamente na sensibilización, na capacitación e na empresarialidade; mentres que o cuarto, transversal, refírese á coordinación e rendibilización das sinerxias que se produzan.
Cada un destes eixos incorpora ademais un número de obxectivos en que se definen as liñas de actuación para a consecución de cadansúa finalidade. Así, establécese que para a sensibilización e motivación é necesario transmitir a comunidade educativa a importancia de construír e fomentar unha nova cultura emprendedora, recoñecer e integrar os seus valores dentro dos centros de ensino e motivar ao alumnado para que desenvolva actividades innovadoras e creativas. Ademais, cómpre fomentar a relación entre centros, empresas e organización, e recoñecer o papel das persoas emprendedoras de Galicia, a través da análise das iniciativas xa desenvolvidas.
O seguinte paso é o de capacitación, de mellora das capacidades en competencias emprendedoras do alumnado e a súa autonomía, así como do profesorado, a través da información, a orientación e unha formación axeitada para cada nivel educativo. Ademais, no terceiro eixe establécense xa as liñas específicas de actuación para apoiar ao alumnado con habilidades emprendedoras, para a posta en marcha de proxectos empresariais viables e ideas innovadoras de negocio, potenciando o traballo en rede e o intercambio de experiencias.
Finalmente, o eixe de coordinación e aproveitamento de iniciativas abrangue o conxunto de obxectivos e medidas de investigación, coordinación e posta en valor sobre emprendemento no sistema educativo que teñan un efecto de transversalidade sobre o conxunto do plan. Neste sentido, procurarase a sinerxia nos programas desenvolvidos a este respecto en todos os ámbitos socioeconómicos da Comunidade Autónoma, divulgando e poñendo en valor as iniciativas e boas prácticas dos centros educativos. Para iso, o portal educativo ‘eduemprende’ funcionará como soporte de recursos e información entre todos os axentes implicados no plan.
Para o desenvolvemento destes catro eixes, o Plan contempla o desenvolvemento de diversas actividades en relación coa contorna dos centros educativos, tales como visitas a empresas, centros de negocio ou parques empresariais; incluíndo
ademais os programas Erasmus e Leonardo da Vinci. Así mesmo, haberá accións de formación para o profesorado, os integrantes de departamentos de orientación e as alumnas e alumnos; complementadas polo deseño e publicación de recursos didácticos nesta materia, e co impulso de premios e concursos que estimulen o conxunto de actitudes emprendedoras do alumnado.
Doutra banda, establécense mecanismos de coordinación entres os axentes socieconómicos implicados na difusión e posta en práctica da cultura do emprendemento, tales como redes de orientadores, ou unha comisión de seguimento de programas en Galicia. Finalmente, deseñaranse instrumentos de apoio para o seguimento e a avaliación deste Plan ‘eduemprende’, co fin de comprobar o seu funcionamento.
Unha estratexia transversal
Coa presentación de ‘eduemprende’, a Consellería continúa a desenvolver as accións que xa vén realizando neste eido, no marco do Plan Estratéxico Galicia 2010-2014. Así, Educación está a potenciar nos currículos de todas as etapas educativas o fomento do espírito emprendedor e empresarial como unha competencia básica do alumnado, desenvolvida ben dun modo transversal, ben con materias específicas.
Neste sentido cómpre destacar que todos os ciclos de Formación Profesional contan cun módulo de empresa e iniciativa emprendendora, que se ampliou desde as 35 horas marcadas nos reais decretos dos títulos ata as 53 horas dos currículos de Galicia. Ademais a Consellería introduciu en 3º e 4º da ESO como materia optativa o obradoiro de iniciativas emprendedoras, co fin de preparar ao alumnado para a súa inserción laboral; e nos programas de cualificación profesional inicial (PCPI) o módulo de iniciativa persoal e relacións laborais, que contribúe ao desenvolvemento da autonomía persoal, o coñecemento dos dereitos e as obrigas das relacións laborais, a hixiene e a prevención de riscos, así como o fomento do espírito emprendedor e da necesidade de aprender ao longo da vida.
Por outro banda, puxéronse tamén en marcha outras actuacións e programas específicos, especialmente no último curso académico 2009-2010, que inciden directamente no fomento do espírito emprendedor e na empresarialidade, complementando as actividades propiamente curriculares. Estas actividades leváronse a cabo en moitos casos, contando coa colaboración de BIC Galicia - dependente da Consellería de Economía e Industria- deséñase e ponse en marcha un programa específico en formación profesional, o FP Plus, que conta con catro liñas de actuación: FP Simula, FP Idea, FP Avanza e FP Emprende; co fin de sensibilizar e orientar cara ao emprendemento e a empregabilidade a este colectivo.