Cultura e Educación recoñece o traballo de 20 estudantes de secundaria cos premios ao esforzo e superación persoal [1]
A Consellería acaba de resolver a convocatoria pola que se conceden os galardóns correspondentes ao curso 2014/2015
Estes premios valoran a capacidade de superación de dificultades do alumnado de ESO ben sexan de tipo persoal, educativas ou de contorno familiar e sociocultural
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de recoñecer o labor diario de 20 estudantes de ensinanza secundaria obrigatoria coa concesión dos premios de ESO ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2014-2015. Os galardoados son estudantes propostos polos centros que durante o pasado ano académico cursaron 4º de ESO no réxime ordinario en calquera dos centros educativos galegos.
Con estes galardóns cuxa resolución publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20151130/AnuncioG0164-201115-0001_gl.html [2]), a Consellería busca recoñecer e valorar os comportamentos excepcionais dos alumnos e das alumnas que grazas á dedicación e ao esforzo demostrado ao longo da etapa conseguiron superar as súas dificultades de tipo persoal, educativas ou do contorno familiar ou sociocultural, no marco dun ensino comprensivo e integrado. Nesta convocatoria resultaron premiados 4 alumnos de centros da provincia da Coruña, 6 da provincia de Lugo, 2 de Ourense e 8 de Pontevedra.