As posibilidades da radio centran a VI Xornada de Normalización e Dinamización Lingüística de Ferega-Ceca [1]
A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora con esta iniciativa que organiza a Federación de Relixiosos do Ensino de Galicia-Centros Católicos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora coa Federación de Relixiosos do Ensino de Galicia-Centros Católicos, Ferega-Ceca, na realización da VI Xornada de Normalización e Dinamización Lingüística, que nesta edición se centrou nas posibilidades que ofrece a radio para promover o uso do galego desde os centros de ensino.
A subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, Cristina Rubal, participou onte na inauguración da xornada, en Santiago de Compostela, xunto co secretario autonómico da Ferega-Ceca, Xosé Francisco Martínez Reboiras, e a responsable de normalización lingüística da entidade, Esther Balboa Illodo.
Durante a súa intervención, Cristina Rubal felicitou a Ferega-Ceca por impulsar un ano máis a xornada e “consolidar, deste xeito, un importante punto de encontro para a reflexión e a posta en común de experiencias arredor da promoción do uso do galego nun ámbito fundamental como é o educativo”.
Por outra parte, a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da secretaría xeral fixo fincapé no “importante labor que Ferega-Ceca vén desenvolvendo a prol da lingua galega e que se fundamenta nos obxectivos do Plan de normalización lingüística que a entidade puxo en marcha en 2004”. O texto, aprobado en febreiro dese ano, ten por finalidade promover o uso do galego no ámbito administrativo, no docente, na actividade pastoral, nas relacións interpersoais dos máis de 120 centros que forman parte de Ferega-Ceca –onde estudan máis de 60.000 alumnos e alumnas– e no propio funcionamento da entidade.
Intercambio de material didáctico con recursos en galego
Ferega-Ceca impulsa importantes iniciativas co fin de promover o uso do galego, como o servizo de información aos responsables de dinamización lingüística dos centros, o intercambio de material didáctico con recursos en galego para os docentes e mais o envío aos centros, así como a organización da Festa da Lingua, do Premio Literario Frei Martín Sarmiento ou do Concurso de Curtametraxes REC-Curta, entre outras.
O apoio de Política Lingüística ao labor de Ferega-Ceca
“Feraga-Ceca constitúe, sen dúbida –dixo a subdirectora de Política Lingüística– un importante exemplo de responsabilidade e compromiso co proceso de extensión da lingua galega”. En consecuencia, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo vén apoiando o labor desta entidade a través dun convenio de colaboración que busca impulsar o fomento do uso do galego, especialmente no ámbito educativo.
A radio na escola: experiencias educativas para a dinamización lingüística
A VI Xornada de Normalización e Dinamización Lingüística –na que participou profesorado dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros– centrouse na radio, “por tratarse dun elemento importante para a normalización e a normativización lingüística, así como por ser un medio motivador para os rapaces e rapazas”, afirmou Esther Balboa durante a inauguración.
O primeiro relatorio da xornada, “A lingua na educación: retos e oportunidades”, foi impartido polo sociolingüista e profesor da Universidade de Santiago de Compostela Henrique Monteagudo. A continuación interviu o escritor e locutor de radio Xurso Souto cun relatorio titulado “Lingua galega e radio”.
Pola tarde, os profesores Emilio Pérez Iglesias, do colexio A Purísima de Ourense, e Roberto Catoira Viñán, do colexio Calasanz da Coruña, presentaron dúas experiencias educativas: “Difusión de contidos de audio na rede” e o programa “A fume de carozo”. Finalmente, o orientador Juan Carlos Ruiz de la Rosa afondou na normalización lingüística nun colexio do País Vasco.