O conselleiro de Educación recibe á presidenta do Instituto Camões para falar de futura colaboración en materia lingüística [1]
No encontro tamén estiveron presentes o secretario de Política Lingüística e membros da institución portuguesa

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, mantivo hoxe un encontro coa presidenta do Instituto Camões, Ana Paula Laborinho, co fin de traballar no establecemento de mecanismos de colaboración en materia de actividades de formación e promoción da lingua portuguesa. No encontro estiveron presentes o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, o representante do Instituto Camões en Galicia, Samuel Rego; e a conselleira de Educación da Embaixada portuguesa en España, Filipa María Paula Soares.
Ao longo do encontro tratáronse diferentes temas relativos a educación entre os que destacou a posibilidade de asinar en vindeiras datas convenios relativos á colaboración entre ambas partes. Un destes acordo sería para a adopción do portugués como lingua estranxeira de opción curricular no sistema educativo de Galicia; mentres que o outro tería como obxectivo a realización e recoñecemento por parte da Consellería das actividades de formación permanente do profesorado do Instituto Camões.
Instituto Camões
Cómpre recordar que o Instituto Camões foi creado no 1992 co obxectivo de dar a coñecer a lingua e cultura portuguesa e a cultura portuguesa no exterior, tendo presenza en máis de 30 países. Este centro e o equivalente luso ao Instituto Cervantes.
Con este encontro a Consellería de Educación da unha nova mostra do seu traballo a prol da formación e do aprendizaxe de linguas estranxeiras.