O conselleiro de Educación asiste a inuguración da XXXIV promoción curso da UNED en Pontevedra [1]
No acto entregáronse os diplomas acreditativos da anterior promoción na que se inclúe os primeiros 29 seniors que remataron os seus estudos nesta sede universitaria
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe a importancia da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) “que conta xa con trinta e oito anos de experiencia, coa peculiaridade de facilitar o acceso aos estudos superiores a persoas que non poderían ter conseguido por diversas razóns”.
Durante a súa asistencia ao acto de inauguración do curso universitario da UNED en Pontevedra, nun acto celebrado esta tarde no centro asociado ubicado na cidade do Lerez, o conselleiro fixo fincapé na labor da UNED como medio de acceso ao ensino universitario, cunhas características que acabaron por conformar “un alumnado plural, con intereses e circunstancias propias e diferenciadas que converxen nuns anceios comúns, o do coñecemento e o do crecemento persoal”.
Ademais, Vázquez Abad quixo transmitir a súa “especial felicitación á primeira promoción de alumnos da UNED Senior –a mellor mostra da ansia de educación ao longo de toda a vida-, e aos da 33 promoción que reciben hoxe o seu diploma, aos que desexo un brillante futuro no mundo laboral”..
Antes da intervención do conselleiro neste acto inaugural participaron o Coro do Colexio de Abogados de Pontevedra, que interpretaron o canto “Canticorum jubilo”, de Haendel; e posteriormente interveu o Vicerreitor de centros asociados da UNED, o profesor Antonio Fernández Fernández; así como a secretario da Centro en Pontevedra, Ana Isabel Vázquez Reboredo.
Ademais, Roberto Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional do Departamento de Dereito Público e Teoría do Estado da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago, dará un relatorio en torno a o tema “Hai que reformar a Constitución Española?”. No acto estivo presente o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares
Estreita colaboración
Doutra banda, o conselleiro fixo mención á colaboración estreita entre a Consellería e a UNED. “Proba disto son os convenios asinados neste curso: para realizar prácticas do máster universitario en formación do profesorado, para actividades de formación permanente deste e para realizar o practicum dos títulos de Psicoloxía, Psicopedagoxía, Pedagoxía e Educación Social”, dixo.
Respecto da metodoloxía de ensino da UNED, o conselleiro dixo que “vivimos nunha época de globalización e na era do coñecemento, e a UNED foi quen de colocarse á vangarda da educación non presencial ao poñer a disposición da comunidade educativa todos os medios tecnolóxicos ao seu alcance, para situala como pioneira no uso das tecnoloxías da información”.
Diplomas acreditativos
Tras isto procedeuse a entrega de diplomas aos 123 licenciados da XXXIII promoción da UNED en Pontevedra, e os 29 estudantes da I edición senior. Posteriormente foi interpretado o “Ave rerum corpus”, de W.A. Mozart, e interveu a directora do centro en Pontevedra, Beatriz Rodríguez López.
Arredor de 5.500 alumnas e alumnos cursarán este ano estudos neste centro asociado da UNED; que incrementa ademais no curso 2010/2011 a súa oferta. Así, poderanse estudar, ademais dos xa ofertados o ano pasado, os graos en Antropoloxía, Ciencias Ambientais, Física, Matemáticas, Química, Administración e Dirección de Empresas, Dereito, Traballo Social, Turismo, Pedagoxía, Enxeñaría en tecnoloxías industriais, Enxeñaría Informática e Enxeñaría en Tecnoloxías de la Información.
Doutra banda, poderán estudarse neste centro, a través do CUID, o galego, español, inglés, francés, italiano, alemán, euskera, portugués, catalán-valenciano, árabe, chinés, ruso e xaponés.
No acto tamén participaron Antonio Gómez Rivera, subdirector Xeral e Director de Relacións Institucións de Caixanova; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde do Concello de Pontevedra, Rafael Louzán Abal, presidenta da Deputación de Pontevedra: Finalmente o novo curso foi inaugurado polo vicerreitor de centros asociados da UNED.
Coa presenza de Vázquez Abad neste acto vólvese a demostrar o apoio da Consellería ao desenvolvemento da UNED, coa que o pasado mes de setembro se asinaron tres novos acordos. En virtude destes documentos amplíase nun centenar do número de prazas para a realización do máster de profesorado; ademais se desenvolveran actividades de formación permanente do profesorado; o outro acordo permitirá a realización de prácticas do alumnado das titulacións de Psicoloxía, Psicopedagoxía, Pedagoxía, e Educación Social nos centros e institucións educativas dependentes da administración galega.