O Consello Galego de Universidades avala a decisión da Xunta de conxelar os prezos públicos universitarios para que Galicia continúe cos máis baixos de España [1]
Ademais informouse positivamente a implantación de 19 titulacións no SUG e a transformación de 24
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu hoxe o pleno extraordinario do Consello Galego de Universidades (CGU), no que se avalou a decisión da Xunta de Galicia de conxelar os prezos públicos universitarios, na liña de actuación seguida desde o ano 2009. Así mesmo, informouse positivamente a implantación de 19 titulacións no Sistema Universitario de Galicia (SUG), así como a transformación - de conformidade coas propias institucións académicas- doutras 24.
Por outra banda, o CGU informou sobre o proxecto de decreto para a modificación da denominación da Escola de Negocios Caixanova por ‘Escola de Negocios Afundación’. Así mesmo, designouse ao reitor da UVigo, Salustiano Mato, como representante das universidades públicas de Galicia no Padroado da Fundación Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL), en substitución do reitor da USC, Juan Viaño.
Conxelación de prezos públicos
Respecto da conxelación dos prezos públicos, o conselleiro lembrou que a decisión se basea no convencemento de “que debemos apoiar aos estudantes universitarios de Galicia, que son o futuro da nosa comunidade, asegurando a igualdade de oportunidades”. Unha medida que se reforza, un ano máis, coa convocatoria de bolsas complementarias ás do Goberno central para o pagamento da matrícula do alumnado de novo ingreso e de continuidade, posibilitando o apoio económico naqueles casos que, cumprindo os criterios económicos establecidos na convocatoria do Ministerio, non poden acceder ás axudas polo incremento de esixencias académicas.
Desta forma Galicia será, unha vez máis, a comunidade cos prezos públicos universitarios máis baixos de España. No caso dos graos, prezos que afectaban a máis do 92% dos estudantes matriculados no curso 2014-15, a media estatal sitúase nos 18,50 euros. Os 11,89 euros/crédito de media en Galicia fan da nosa comunidade a máis asequible para os estudantes. No caso dos másteres habilitantes – que cursa só un 2,4% do alumnado do SUG-, o prezo galego é de media de 25,03 euros/crédito, por debaixo da media do Estado, que é de 28,05 euros/crédito. No referido aos másteres non habilitantes, o prezo medio do crédito no SUG, que é de 26,49 euros, está moi lonxe do promedio estatal, que ascende aos 39,31 euros/crédito.
Implantación de títulos
O CGU deu tamén hoxe o visto e prace á implantación no SUG no curso 2015/2016 das 19 titulacións que obtiveron Resolución de verificación positiva do Consejo de Universidades.
No referido aos graos, aprobouse a implantación na Universidade da Coruña dos de Estudos de Arquitectura; Náutica e Transporte Marítimo; e Tecnoloxías Mariñas. En canto a programas de doutoramento, deuse luz verde aos de Ciencias do Deporte, Educación Física e Actividade Física Saudable, da UDC e a UVigo en conxunto; e do Protección do Patrimonio Cultural, da UVigo.
No caso dos másteres, aprobáronse para a UDC os de Arquitectura; Didácticas Específicas; Discapacidade e Dependencia; Estudos Avanzados en Museos, Arquivos e Bibliotecas; Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde (conxunto coa universidade de Vigo); Socioloxía Aplicada: Investigación Social e de Mercados; e Xeoinformática (conxunto coa Universidade de Vigo). Así mesmo recibiron a aprobación para seren impartidos na USC os de Dirección e Xestión Contable e Financeira; Erasmus Mundus en Narrativas Culturais (Crossways in Cultural Narratives); Igualdade, Xénero e Educación; Psicoloxía Educativa: Desenvolvemento e Aprendizaxe; Servizos Culturais; e Tecnoloxías de Análise de Datos Masivos: Big Data. Ademais, e a maiores dos xa mencionados en conxunto coa UDC, a UVigo obtivo o consentimento para a implantación do máster en Enxeñaría Térmica, conxunto coa Universidade do País Vasco.
Asemade, someteuse a votación do CGU e aprobouse a proposta de implantación do Máster Universitario Historia Moderna: “Monarquía de España” séculos XVI-XVIII, da USC (conxunto coa Universidade Autónoma de Madrid e Universidade de Cantabria); e do Máster Universitario en Oceanografía, da UVigo (conxunto coa Universidade das Palmas e a Universidade de Cádiz); condicionando a autorización de impartición dos mesmos para o curso 2015/2016 á emisión da resolución de verificación positiva polo Consejo de Universidades. Neste sentido cómpre sinalar que, ao seren titulacións coordinadas por universidades non galegas, corresponde á ANECA a emisión do preceptivo informe de calidade que a día de hoxe está pendente de emitir.
Transformación de titulacións
De acordo co establecido no Decreto 222/2011, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, someteuse á votación do pleno extraordinario do CGU a transformación de titulacións, de conformidade coas tres universidades públicas de Galicia, así como as que deixan de formar parte da súa oferta académica.
As causas que motivaron a inclusión na proposta de transformación das titulacións foron o feito de non ter ofertado prazas, como mínimo, durante os dous últimos cursos académicos, o de non acadar o número mínimo de alumnos establecido no artigo 6.2 do devandito decreto, a extinción do plan de estudos por autorización dun novo título, ou a fusión de varias titulacións dando lugar á autorización dun novo título.
As titulacións transformadas da UDC son o grao en Arquitectura (pola autorización do Grao en Estudos de Arquitectura), e os másteres universitarios en Ciencias Documentais no Contorno Dixital (substituído polo Máster en Estudos Avanzados en Museos, Arquivos e Bibliotecas); en Intervención na Discapacidade e na Dependencia (substituído polo Máster en Discapacidade e na Dependencia); en Lóxica e Filosofía da Ciencia (que desde a súa autorización se oferta en conxunto coa USC e permanece como oferta desa universidade); en Metodoloxía da Investigación en Ciencias Sociais: Innovacións e Aplicacións (substituído polo Máster en Socioloxía Aplicada); en Patrimonio Cultural: A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (substituído polo Máster en Estudos Avanzados en Museos, Arquivos e Bibliotecas); e o Máster en Xestión e Investigación da Discapacidade e da Dependencia (substituído polo Máster en Discapacidade e na Dependencia). Así mesmo modificouse o programa de doutoramento en Ciencias do Deporte, Educación Física e Actividade Física Saudable, substituído por outro conxunto coa UVigo.
Así mesmo, deixan de formar parte da oferta da UDC os másteres universitarios en Arquitectura Sanitaria e Asistencial – para o que a universidade xa non ofertou prazas - ; en Investigación en Enxeñaría Civil – debido ao baixo número de alumnos-; en Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais; e o máster en Urbanismo: Plans e Proxectos, do Territorio á Cidade – para estes dous últimos a universidade xa non ofertou prazas -.
No caso das titulacións da USC transformouse a autorización dos másteres universitarios en Educación, Xénero e Igualdade (substituído polo Máster en Igualdade, Xénero e Educación); o Erasmus Mundus: Encrucillada nas Humanidades Europeas (substituído polo Máster Erasmus Mundus Encrucillada nas Narrativas Culturais, a USC debe transformar o Erasmus Mundus: Encrucillada nas Humanidades Europeas); en Servizos Culturais (substitúese por outro novo coa mesma denominación); e o Master Universitario en Tecnoloxías da Información (substituído polo Máster en Tecnoloxías de Análise de Datos Masivos: Big Data).
Así mesmo, deixan de formar parte da oferta da USC os másteres universitarios en Comunicación e Industrias Creativas – para o que a universidade xa non ofertou prazas -; en Enxeñaría Industrial – que nunca se ofertou-; e o máster en Medio Ambiente e Recursos Naturais – a USC renunciou á renovación da acreditación da titulación-.
Para a UVigo quedaron renovados os másteres universitarios en Enxeñaría Térmica (substituído por un novo coa mesma denominación pero sen a impartición da Universidade de Burgos); en Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde (substituído por un novo coa mesma denominación ao que se incorpora a UDC); e o máster universitario en Tecnoloxía Medioambiental (substituído polo Máster en Xeoinformática).
Así mesmo, deixan de formar parte da oferta da UVigo o máster universitario en Economía, Mercados Financeiros e Empresa – para o que a universidade xa non ofertou prazas -; e o máster en Información Técnica do Medicamento –a UVigo xa iniciou os trámites internos para a súa extinción-.