Cultura e Educación e Fundación Telefónica incorporan un innovador método de aprendizaxe de matemáticas en 18 centros galegos [1]
A iniciativa, denominada JUMP Math, próbase por primeira vez na Comunidade a través dun proxecto piloto que inclúe a 600 alumnos de 5º de Primaria
programa vai en liña coas actuacións do departamento educativo da Xunta, que reforzará con tres horas máis de matemáticas os novos currículos da ESO adaptados á LOMCE

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Fundación Telefónica presentaron hoxe no CEIP San Tomé de Cambados un proxecto piloto baseado nunha metodoloxía innovadora de aprendizaxe das matemáticas que este curso proban por primeira vez cerca de 600 alumnos de 18 colexios galegos. A iniciativa, denominada JUMP Math e creada polo canadiense John Mighton, forma parte do programa “Desafío Educación” da Fundación.
No acto participaron o director de “Desafío Educación”, Pablo Gonzalo; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o representante de Obra Social La Caixa (que tamén colabora no proxecto), Alejandro Fernández; a coordinadora en España de JUMP Math, Carmen Salcedo; o alcalde de Cambados, Luis Aragunde, así como profesores e alumnos. Tamén asistiron o subdirector xeral de Ordenación, Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila; e o xefe territorial en Pontevedra, César Pérez Ares.
A mellora dos resultados en matemáticas do alumnado é un dos retos da Consellería, posto que se trata dunha competencia clave. Neste senso, este mesmo martes presentouse o decreto que regula os currículos da Educación Secundaria Obligatoria e Bacharelato adaptados á LOMCE, que incluirán tres horas máis desta materia no primeiro caso.
A este reforzo súmase agora unha iniciativa que axuda a dar pasos cara un sistema educativo de excelencia. De feito, en países onde xa está implatada JUMP Math logrouse quintuplicar a taxa de sobresaíntes en matemáticas en apenas dous anos.
Aínda que o programa vai dirixido cara todos os cursos de Primaria e o primeiro ciclo de Secundaria, nesta experiencia piloto só participan os estudantes de 5º de Primaria. Precisamente, o CEIP San Tomé de Cambados é un dos centros integrados nesta novidosa experiencia, xunto con outros catro de Pontevedra (o CEIP Plurilingüe de Baño-Xanza de Valga, o CEIP Plurilingüe Nº2 de Tui, o CEIP Plurilingüe Antonio Palacios de O Porriño e o CEIP Plurilingüe Sobreira-Valadares de Vigo) e once pertencentes á provincia da Coruña (CEIP Plurilingüe Anxo da Garda da Coruña, CEIP Plurilingüe de Tarrío en Culleredo, CEIP Portofaro de Cambre, CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao de Rianxo, CPI Armando Cotarelo Valledor de Boimorto, CEIP Plurilingüe de Pedrouzos en Brión, CEIP O Coto de Negreira, CEIP Plurilingüe A Magdalena das Pontes, CPR Plurilingüe Divino Maestro, CPR San Jorge e o CPR Plurilingüe Compañía de María, ámbolos tres de Santiago). En Ourense participan o CEIP Emilia Pardo Bazán de Leiro e o CEIP Amaro Refojo de Verín.
A Universidade Autónoma de Barcelona será a encargada de realizar un estudo sobre o impacto e os resultados desta primeira toma de contacto nas aulas galegas e no resto de España (tamén participan Madrid, Murcia e Castela-A Mancha) co obxectivo de avaliar a posibilidade de implementar esta iniciativa de xeito masivo. Por outra parte, a Rede de Formación do Profesorado da Consellería de Cultura e Educación tamén se encarga de supervisar e valorar o proxecto.
Cambio metodolóxico
Para desenvolver JUMP Math precísanse profesores innovadores e cun nivel B2 de inglés, posto que gran parte da documentación está neste idioma. O programa fundaméntase nun cambio metodolóxico que pasa por unha maior participación, avaliación continua e división das leccións en pequenas unidades que resulten sinxelas de asimilar polo estudantado.