Cultura e Educación e Universidade da Coruña colaboran no fomento do emprendemento como vía de inserción laboral [1]
Ambas institucións firman un convenio para a convocatoria dun concurso de proxectos co obxectivo de impulsar a cultura emprendedora entre o alumnado e os titulados de formación profesional
A Consellería asesorará e acompañará aos promotores da idea gañadora durante os catro primeiros anos da posta en marcha do seu negocio
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, firmaron un convenio de colaboración co obxectivo claro de seguir apostando polo emprendemento como unha boa vía de inserción laboral. A colaboración entre ambas institucións implica a convocatoria dun concurso de proxectos, que correrá a cargo da Universidade coruñesa.
En virtude do convenio, esta última comprométese a ceder espazo na cafetería-comedor do campus de Ferrol en Esteiro ao proxecto gañador. A Consellería, pola súa parte, realizará as actuacións de difusión precisas mediante a rede de viveiros para fomentar a participación do alumnado de formación profesional. Tamén asesorará e acompañará aos promotores da idea gañadora durante os catro primeiro anos da posta en marcha do seu negocio.
Neste concurso poderán participar estudantes de ciclos formativos de FP e titulados nos últimos catro anos, que deberán presentar un proxecto de negocio viable e con garantías de futuro, así como axustado ás bases. O convenio ten unha duración inicial de catro anos.
Trátase dunha actuación desenvolta ao abeiro do programa FP Emprende -unha das liñas do Plan de Emprendemento no sistema educativo de Galicia “eduemprende”-, que busca fomentar a cultura emprendedora e as iniciativas empresariais a través da rede de viveiros de empresas creados nos centros públicos.
Nestes espazos non só se pretende mellorar a empregabilidade das mozas e mozos galegos, senón tamén a competitividade das propias empresas, o que redunda nunha maior oferta e creación de postos de traballo. Precisamente, este convenio de colaboración entre Consellería e Universidade da Coruña camiña nesta mesma dirección, a de impulsar o emprendemento co fin último de mover o mercado laboral.