O secretario xeral de Universidades pon en valor o tecido investigador galego na presentación do premio universitario La Caixa de comunicación científica [1]
Tamén destacou a importancia dos medios de comunicación na divulgación deste coñecemento

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, participou hoxe na presentación da segunda edición do Premio Universitario La Caixa de Comunicación Científica “Contar a ciencia”, organizado pola revista galega GCiencia e La Caixa. O acto, que tivo lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, contou tamén coa presenza do co-director de GCiencia, Eduardo Rolland; o director de Área de Caixabank, Antonio Lema; e o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos.
José Alberto Díez de Castro aplaudiu a posta en marcha de iniciativas coma esta porque supón divulgar e poñer en valor os traballos de investigación que se está a realizar nas tres universidades galegas. “A investigación é un dos piares fundamentais do noso Sistema Universitario”, sinalou.
De feito, recordou os dous pasos dados no 2011 pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria co obxectivo de dotar de estabilidade ao modelo de investigación universitaria en Galicia. Por un lado, a aprobación do Plan galego de Investigación, Innovación e Crecemento (Plan I2C) e, por outra banda, o acordo plasmado no Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia. Ámbalas dúas decisións permitiron que, pese ás dificultades económicas, a comunidade fose capaz de consolidar o tecido investigador existente.
Ademais de explicar a situación da investigación galega, o secretario xeral de Universidades destacou a importancia dos medios de comunicación á hora de trasladar ao público xeral este coñecemento tan significativo. De aí a relevancia de experiencias como a desenvolta por GCiencia e La Caixa, cuxa intención tamén pasa por fomentar o interese polo xornalismo científico nos futuros profesionais.