Román Rodríguez salienta un investimento de máis de 6 millóns de euros en melloras nos centros de ensino lalinenses no último lustro e anuncia novas actuacións no CEIP Xesús Golmar [1]
O conselleiro percorreu hoxe os colexios e institutos do concello para coñecer as demandas da comunidade escolar

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, visitou hoxe os centros educativos do Concello de Lalín co obxectivo de analizar as demandas de melloras e actuacións que lle transmitiron as familias, os docentes e os equipos directivos. Neste sentido o titular do departamento de Educación salientou que a Xunta de Galicia ten investido máis de 6 millóns de euros en melloras nos centros educativos deste concello desde 2009, tanto no que se refire a obras como a implantación de programas como o Abalar ou os contratos-programa, o que demostra o compromiso do Goberno galego coa comunidade educativa lalinense. Así mesmo sinalou Lalín como un concello no que se pode atopar o reflexo do sistema preuniversitario, coa presenza tanto de centros rurais como urbanos, e mesmo sección da Escola Oficial de Idiomas; un servizo educativo cunhas ratios de calidade e excelencia moi significativos.
Neste sentido, o conselleiro anunciou que o seu departamento ten previsto investir arredor de 45.000 euros para dar resposta ás demandas dun patio cuberto realizadas pola comunidade escolar do CEIP Xesús Golmar, un centro a cuxa infraestrutura se teñen destinado 4,9 millóns de euros. De feito, o pasado ano realizáronse traballos de illamento térmico e instalación de toldos – cun presuposto duns 18.000 euros- conforme á solicitude do centro, obras que se completarán de xeito inmediato coa construción desta pequena cuberta na zona das aulas de infantil. Así mesmo explicou que está previsto realizar algunhas tarefas de mantemento no IES Laxeiro que suporán un investimento de arredor de 40.000 euros, un centro que tamén recibirá novo material para o seu uso nos talleres de FP, froito da colaboración entre a Consellería e PSA Peugeot Citroën .
Nas súas visitas de hoxe o conselleiro estivo acompañado polo alcalde de Lalín, Xosé Crespo; polo xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares; e polos equipos directivos dos IES Laxeiro e Ramón Mª Aller Ulloa, CPR Plurilingüe Sagrado Corazón, EEI de Donramiro, e CEIPs Xesús Golmar, Manuel Rivero, Plurilingüe Vicente Arias, Xoaquín Loriga e Varela Buxán.
Programas educativos
Durante o seu percorrido polos centros educativos o conselleiro interesouse polo funcionamento das seccións bilingües coas que contan os IES Laxeiro e Ramón Mª Aller Ulloa e o CEIP Plurilingüe Vicente Arias, así como polo desenvolvemento do proxecto Abalar nos IES e as actividades que os centros lalinenses desenvolven ao abeiro do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares.
Así mesmo Román Rodríguez felicitou ao director do IES Laxeiro, Eugenio Grande, e á do IES Ramón Mª Aller Ulloa, Juana Mª Mouriño, pola aposta que ambos os institutos volven facer este ano polos contratos-programa. Non en balde os IES de Lalín desenvolverán – entre os dous- un total de 9 actuacións diferentes, en concreto nas liñas de reforzo, orientación e apoio, mellora das competencias clave (matemática, comunicación lingüística e científico-tecnolóxica), mellora da convivencia nos centros e da prevención do abandono temperán e do absentismo escolar, e mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia. Neste sentido o titular do departamento educativo da Xunta animou ao resto dos centros do concello a implicarse o vindeiro curso nesta estratexia da Consellería en prol do éxito escolar e de impulso da loita contra o abandono temperá; así como nos programas vinculados ao plurilingüismo é a mellora das bibliotecas escolares.
Ademais de comprobar o resultado das melloras realizadas nos últimos anos nos centros de ensino lalinenses, Román Rodríguez escoitou as peticións da comunidade escolar neste sentido, co compromiso de analizalas e valoralas.