Cultura e Educación participa na inauguración da exposición antolóxica sobre o premio de creación fotográfica Luis Ksado [1]
O Museo do Pobo Galego acolle a mostra, que percorre as dez edicións deste certame promovido pola Deputación da Coruña a través das coleccións gañadoras
Son un total de 107 fotografías de diversos autores, entre eles Peter Marlow, Vari Caramés, Javier Arcenillas, Xulio Villarino, Miguel Riopa e Diego Verges

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou esta tarde na inauguración da mostra retrospectiva sobre o Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado, un certame creado en 1997 que convoca a Deputación Provincial da Coruña. Con motivo das 10 edicións do concurso, a Deputación promove esta exposición antolóxica itinerante conformada polas coleccións gañadoras desde o nacemento do certame.
“A escolma que conforma esta exposición ofrécelle ao público un achegamento á creatividade actual a través dun espazo cultural de referencia como é o Museo do Pobo Galego, co coidado que merece o proxecto, baixo o comisariado de Xurxo Lobato, mestre desta arte”, afirmou Anxo Lorenzo. O secretario xeral tamén tivo unha lembranza especial para Luis Ksado, “quen desde pouco menos que os inicios do século XX, captou as imaxes máis difundidas de Compostela e de Galicia; aquela cámara que revelou para Galicia unha nova faceta do seu legado, onde aparecían as estampas da nosa arquitectura, do noso clima, dos rostros dun pobo”.
Promoción da creatividade fotográfica
Co obxectivo de promover a creación no ámbito da fotografía, a Consellería vén colaborando con diversas iniciativas, como o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. O certame, que celebrou en 2014 a súa segunda edición, naceu ao abeiro do Festival Outono Fotográfico, promovido pola Fundación Benito Losada, co obxectivo de situar a Galicia no circuíto internacional da fotografía e de promover nesta disciplina novas creacións na linguaxe contemporánea.
O premio Ksado en máis de 100 imaxes
A exposición que acolle o Museo do Pobo Galego é una retrospectiva das dez edicións do premio, onde poden verse as coleccións gañadoras en cada unha delas. Trátase dun total de 107 fotografías de Xosé Abad, Peter Marlow, Vari Carmés, Xulio Villarino, Javier Arcenillas, Miguel Riopa, Diego Verges, Miguel Harguindey, Fernando Fernández Paz e Amador Lorenzo, que retratan distintas visións do fotoxornalismo. O Camiño de Santiago, a emigración, os incendios forestais en Galicia e a prostitución en Filipinas son algúns dos temas que están presentes na mostra.
Un certame de referencia
O Premio de Creación Fotográfica LuisKsado constitúe un certame de fotografía de referencia, tanto pola súa participación como pola difusión e calidade das obras. Destacados profesionais do ámbito formaron parte do xurado do certame, entre os que se inclúen Outumuro, Joan Fontcuberta, Isabel Muñoz, Manuel López, Marisa Flores e fotógrafos de Magum como Bruno Barbei, Richard Kalvar e Studart Frankin, entre outros.
De acordo coa vocación de formación e divulgación do concurso, arredor do Ksado tamén se realizaron obradoiros e cursos impartidos, entre outros, por Joan Fontcuberta, Tino Soriano, Bruno Barbey, Stuart Franklin, Chris Steele-Perkins e Richard Kalvar, así como unha exposición itinerante por diferentes localidades da Coruña que se acompaña dun catálogo coa colección gañadora e as fotografías finalistas.