O conselleiro de Cultura e Educación visita o CEIP Sada y sus contornos tras as obras de ampliación que elevan a máis de un millón de euros o investimento da Xunta de Galicia neste centro [1]
Os traballos consistiron na construción dun novo aulario, con capacidade para 125 escolares, nunha reforma dos aseos da planta soto para conectala coa ampliación e cunha remodelación da fachada
As alumnas e alumnos poderán volver xa en xaneiro ás aulas, tras cursar o primeiro trimestre noutras instalacións

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP Sada y sus Contornos tras as obras realizadas nestes últimos meses para a ampliación do centro, dando resposta ás demandas da comunidade educativa, e que elevaron o investimento da Xunta neste centro ata máis de un millón de euros.
O conselleiro quixo lembrar o forte investimento en novas infraestruturas educativas que o seu departamento está a realizar na cidade herculina e na súa área de influencia. “Este curso inaugurouse o novo aulario do CEIP Vales Vilamarín, en Betanzos, e acabamos de rematar a ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán, na Coruña. Así mesmo,temos xa en marcha a construción do novo CEIP de Oleiros, dos IES de Carral e Culleredo. Estamos a falar dun investimento de máis de 17,1 millóns de euros que pon de manifesto o noso compromiso coa comunidade educativa destes concellos”.
Durante o seu percorrido polo centro o titular do departamento educativo da Xunta estivo acompañado polo alcalde de Sada, Ernesto Anido; polo director do centro, Miguel Ángel Gayoso; polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén Barcala; pola delegada da Xunta na Coruña; Belén do Campo; polo alcalde de Sada, Ernesto Anido, e polo xefe territorial da Consellería na provincia, Indalecio Cabana, entre outras autoridades e persoal responsable da obra.
Un novo aulario
Os traballos de ampliación, cun orzamento de máis de 680.000 euros, consistiron na construción dun novo aulario con capacidade para 125 alumnas e alumnos, aproveitando o desnivel da parcela para utilizar a cuberta do novo volume como zona de patio de xogos. A nova edificación- cunha superficie construída total de 498,80 m²- albergará 3 aulas de educación infantil, 2 aulas de primaria e 1 aula de apoio-ANPA, ademais dos servizos comúns correspondentes e o local de instalacións.
Ademais, reformouse a zona de aseos da planta soto do edificio existente co fin de crear unha conexión directa entre este e a ampliación. Por último, para mellorar a imaxe do conxunto e poñer en valor o edificio modernista, cambiouse o cerramento existente na fachada cara o porto deportivo por outro máis permeable que permite ver a fachada e o mar.
Estas obras súmanse ás realizadas desde 2009 de substitución da estrutura do teito e dos canalóns, así como de construción dos taboleiros e listóns que forman os faldóns da cuberta. Ademais, cambiouse o illamento térmico baixo a cuberta, substituíuse esta por outra de tella cerámica e os paneis do falso teito e perfís que o soportan. Así mesmo, realizáronse diversas melloras no pavimento e instalacións do centro e, neste mesmo ano, traballos de pintura e de reforma da tabiquería lixeira. O CEIP Sada y sus Contornos forma parte tamén do Proxecto Abalar (con dúas aulas Abalar) e recibe periodicamente achegas da Consellería para equipamento e ampliación de fondos.