O conselleiro de Cultura e Educación salienta a importancia da corresponsabilidade de todos os axentes implicados na educación dos máis pequenos en valores e saúde [1]
O titular do departamento educativo da Xunta participou hoxe na presentación da ‘Guía de Hábitos Saudables’ do programa ‘Educa Saúde’, impulsado polo Concello da Coruña, a Fundación María José Jove e a Sociedade de Pediatría de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad salientou hoxe a importancia da corresponsabilidade como a clave de todo proceso educativo. Durante a presentación da ‘Guía de Hábitos Saudables’ do programa ‘Educa Saúde’ o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia sinalou, neste sentido que “a Consellería de Cultura e Educación incidimos nisto, tanto na Lei de convivencia e participación da comunidade educativa como cando elaboramos o protocolo xeral de prevención, detección e tratamento do acoso escolar, como ben saben, o primeiro do Estado español que recolle tamén o ciberacoso”. “Pais e nais, titores, docentes e alumnado, cada parte suma e debe ter o seu papel definido e activo neste proceso de retroalimentación que é o ensino-aprendizaxe. Se unha parte da cadea falla, o proceso non funciona. Por iso me gustaría facer fincapé na necesidade de unir forzas”, dixo.
‘Educa Saúde’ é un programa impulsado polo Concello da Coruña e a Fundación María José Jove e avalado pola Sociedade de Pediatría de Galicia (SOPEGA) que ten como obxectivo difundir estilos de vida saudables desde as aulas dos centros públicos coruñeses a través de actividades dirixidos a nenas e nenos de 0 a 12 anos. Ademais, desenvólvense charlas para nais, pais, titoras e titores nas que se ofrece información de especial interese sobre os aspectos psicoevolutivos, físicos e relacionais dos seus fillos, así como un espazo de reflexión no que poden expresar as súas preocupacións e formular posibles solucións.
Respecto da guía presentada esta tarde, e que complementa ao programa, o conselleiro sinalouna como “unha ferramenta de gran utilidade para docentes e familias”, que ten como finalidade continúen aplicando na casa estes consellos que se transmiten nos centros educativos tanto ás nenas e nenos en horario lectivo como ás nais e pais nas charlas formativas que se imparten polas tardes.
Durante a súa intervención o conselleiro quixo tamén agradecer ao Concello da Coruña e mais á Fundación María José Jove o seu compromiso coa educación, manifestado tanto neste programa como en outros tantos que desenvolven, algún deles coa propia Consellería. "O feito de que hoxe presentemos a cuarta edición de ‘Educa Saúde’ fala por si mesmo da calidade e utilidade desta iniciativa".
No acto participaron, ademais do conselleiro, o alcalde da Coruña, Carlos Negreira; a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove; o concelleiro de Educación, Deportes e Xuventude do Concello coruñés, Francisco Mourelo; e mais o coordinador da publicación, Ángel López-Silvarrey Varela.
Fomento dos bos hábitos a través do xogo
A guía presentada hoxe divídese en 3 áreas, médica, psicoeducativa e social, e recolle aspectos como a alimentación, a hixiene, o fomento da actividade física e o deporte, o ambiente escolar ou a prevención das adiccións, entre outros. Coordinada polo pediatra e doutor en Medicina Ángel López-Silvarrey Varela, na súa elaboración participaron un grupo de 11 pediatras, educadores sociais, matronas, enfermeiras e psicólogas. De feito, o programa ‘Educa Saúde’ é desenvolvido por un equipo multidisciplinar formado por tres pediatras, unha enfermeira pediátrica, dúas matronas, un traballador social e tres psicólogas que, en base ás diferentes idades do alumnado implicado, deseñan unha serie de actividades participativas nas que a aprendizaxe de hábitos saudables se facilita a través do xogo, ao tempo que se promove o traballo en equipo.
‘Educa Saúde’ chega este ano á súa cuarta edición, tras a participación desde a súa posta en marcha de 18.000 alumnos e 3.195 familias. Xa neste primeiro trimestre do curso 2014-2015 está previsto que o programa funcione en 5 centros educativos cuns 1.500 escolares.