Consellería de Cultura, Educación e Universidade
Publicado en Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal/portal)

Inicio > Cultura e Educación asinará co Concello de Oroso un convenio para a xestión do comedor escolar do novo CEIP de Sigüeiro

Cultura e Educación asinará co Concello de Oroso un convenio para a xestión do comedor escolar do novo CEIP de Sigüeiro [1]

A Consellería financiará con preto de 43.500 euros este servizo complementario, fundamental para a conciliación da vida laboral e familiar

O departamento educativo da Xunta xa ofreceu no mes de xuño ao Concello subscribir este acordo

Gallego
 Cultura e Educación asinará co Concello de Oroso un convenio para a xestión do
Cultura e Educación asinará co Concello de Oroso un convenio para a xestión do comedor escolar do novo CEIP de Sigüeiro

O Consello da Xunta autorizou hoxe un convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Oroso para a prestación do servizo de comedor escolar no CEIP de Oroso, en Sigüeiro, por un importe de 43.365 euros nos cursos 2014-2015 e 2015-2016. Cómpre sinalar que a proposta de convenio de comedor escolar xa fóra ofertada pola Consellería no mes de xuño, pero non foi ata iniciado o curso escolar cando o Concello solicitou a adhesión ao acordo para un número máximo de 49 alumnos.

No marco deste acordo de colaboración, a Consellería subvencionará os menús do comedor escolar durante os dous vindeiros anos para - segundo a solicitude realizada polo Concello de Oroso - un máximo de 49 usuarios, cunha achega de 2,5 euros por día e usuario. Pola súa banda, o Concello de Oroso comprométese á elaboración dos menús escolares, á repartición e recolla deles nas mesas do comedor; así como ao coidado e asistencia do alumnado durante as comidas.

Con este tipo de acordos, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad reafirma o seu compromiso con este tipo de servizo complementario educativo que resulta fundamental para a conciliación da vida laboral e familiar e tamén para que os escolares adquiran hábitos nutricionais e hixiénicos saudables.

Cómpre lembrar que o convenio con Oroso -unha vez que se formalice nos vindeiros días-, engadirase aos xa asinados o ano pasado cos concellos de Ames, Betanzos, Cangas, Ferrol, Gondomar, Mugardos, Muíños e Santiago de Compostela para a prestación do servizo de comedor escolar en 33 centros educativos.

No pasado curso 2013/14 a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinou 29,7 millóns de euros aos comedores que xestiona de forma directa e indirecta, así como ao cofinanciamento dos comedores xestionados polos concellos e polas ANPAS. Esta cifra supón duplicar o orzamento de 14,6 millóns que se destinaba en 2007 a este mesmo fin. Ademais, o número de prazas de comedores incrementouse en 13.731 desde o curso 2008/09, ata chegar ás 71.731 no 2014/15.

En Galicia, o 83,47% dos usuarios dos comedores escolares xestionados pola Consellería utilizan o servizo totalmente de balde ou pagando tan só un euro, mentres que a contía máxima de 4,5 euros/día tan só o aboan un 12,3% dos usuarios. Esas cifras confirman que o servizo de comedor escolar en Galicia, baseado na renda familiar, é un dos sistemas máis xustos e asequibles para as familias de todo o Estado español.

Comedores escolares [2]
Educación infantil [3]
Educación primaria [4]
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional [5]
Entidades autonómicas [6]
Centros [7]

URL fonte: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/13539

Ligazóns
[1] https://www.edu.xunta.gal/portal/node/13539
[2] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/128
[3] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/81
[4] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/82
[5] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/206
[6] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/404
[7] https://www.edu.xunta.gal/portal/centros