Xesús Vázquez Abad visitou as obras de mellora da escola de educación infantil Fernández Varela da Pobra do Caramiñal na que a Consellería leva investido preto de 85.000 euros nos últimos anos [1]
O conselleiro acudiu á EEI Fernández Varela para visitar as obras de acondicionamento que se están a acometer neste período estival e que supoñen un investimento de máis de 33.000 euros

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou esta mañá as instalacións do centro educativo Fernández Varela, para comprobar o estado dos traballos realizados por valor de mais de 33.000 euros. De eles, máis de 27.000 euros foron investidos pola Consellería na reparación da cuberta do patio, o pavimento e o muro, ademais de na mellora e acondicionamento dun dos baños da escola infantil. A maiores o concello da Pobra destinou uns 6.000 euros na construción do baño da segunda planta. Grazas a estas accións, o vindeiro curso académico un total de 118 alumnos poderán gozar dunhas instalacións educativas en óptimas condicións.
Acompañado polo xefe territorial de Educación na provincia, Indalecio Cabana; a directora da escola Josefina Pacheco; e o alcalde da localidade, Isaac Maceiras, Vázquez Abad percorreu as instalación da EEI Fernández Varela, onde puido comprobar o estado das obras realizadas no centro. Polo demais continuará a beneficiarse do Plan de Mellora de Bibliotecas escolares coa fin de fomentar a lectura entre o alumnado, ao que a Consellería destinou xa 13.700 euros. Tamén dende o ano 2011 esta institución educativa conta cun aula dixital. Adicionalmente, desde a Consellería de Cultura e Educación realízase unha inversión anual de 27.437,40 euros para o transporte escolar.
Compromiso co concello e coa comarca
Con esta visita Cultura e Educación reafirma o seu compromiso coa Pobra do Caramiñal. Dende o ano 2009 o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad, leva invertidos preto de 308.000 euros na mellora e acondicionamento dos colexios públicos deste concello coruñés.
Doutra banda, sinalar a participación das escolas da comarca do Barbanza nos proxectos máis anovadores da Consellería. De feito, tres do mesmo concello pobrense, o IES da Pobra do Caramiñal e os CEP Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestu Sierra, forman parte do Proxecto Abalar. En total son 12 os centros da comarca integrados nesta iniciativa posta en marcha coa finalidade de lograr a plena integración do sistema educativo galego na nova realidade tecnolóxica.
Ademais a comarca barbanzá conta cun total de 17 centros incorporados ao Plan de Mellora de Biblioteca Escolares (PLAMBE) e 6 centros incorporadas á Rede de Centros Plurilingües.
Tamén 6 CEIP barbanzás, están incluídos nos Contratos Programa da Consellería, dirixidos á mellora do éxito escolar dos centros docentes.
Investimentos en centros educativos
Cómpre lembrar que a Consellería de Cultura e Educación sumou máis de 73,8 millóns de euros en investimentos en obras en 31 centros educativos no período 2009-2014. O departamento dirixido por Vázquez Abad rematou as actuacións en 21 destes centros, o que supuxo unha achega de preto de 50 millóns, e ten neste momento en execución ou licitación actuacións noutros 10 por un orzamento de máis de 25 millóns.