Xesús Vázquez Abad visitou varios centros educativos no Porriño e mantivo un encontro cos responsables do concello para planificar o comezo do curso escolar [1]
O conselleiro acudiu aos CEIP Antonio Palacios e José Fernández López, e ao IES Pino Manso, nos que a Consellería de Cultura e Educación leva investidos preto de catro millóns de euros
Vázquez Abad comprobou in situ o estado dos novos equipamentos do centro escolar Antonio Palacios, tales como a pista deportiva cuberta e a ampliación do ximnasio que foi posible trala demolición do antigo edificio escolar, e nos que se investiron uns 90.000 de euros
No IES Pino Manso a Consellería acometeu varias actuacións de reparación e reforma e proximamente procederase á reparación da cuberta do edificio, por un importe de 30.000 euros, para que estea lista antes do comezo do curso

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou esta mañá as instalacións dos centros educativos Antonio Palacios, Pino Manso e José Fernández López, nos que a Consellería leva investidos preto de catro millóns de euros nos últimos anos. Así mesmo, o conselleiro mantivo unha xuntanza de traballo tanto co alcalde, Nelson Santos, como coa concelleira de Educación, Ana María Martínez, para planificar e definir as vindeiras actuacións de cara ao comezo do vindeiro curso escolar, na que tamén participou o xefe territorial da Consellería en Pontevedra, César Pérez Ares.
CEIP Antonio Palacios
Durante o percorrido polas instalacións educativas do Antonio Palacios, o conselleiro puido comprobar de primeira man os novos equipamentos cos que conta o centro, como son a pista deportiva cuberta e a ampliación do ximnasio, que foi posible acometer trala demolición do antigo edificio escolar. Tan só estas novas obras supuxeron un investimento duns 90.000 de euros, dun total de algo máis de 3,8 millóns destinados a este centro nos últimos anos. Cómpre salientar tamén que a Consellería ven de acometer unha serie de obras complementarias de adaptación das instalacións térmicas, climatización, ventilación nas aulas e nos espazos docentes, entre outros.
O novo CEIP Antonio Palacios comezou a funcionar en xaneiro de 2011 e actualmente da servizo a 400 alumnos e alumnas da zona. Conta con doce aulas de primaria e seis aulas de infantil, ademais dunha aula de informática, outra de educación musical, dúas aulas de inglés, biblioteca e salón de actos.
Canto ao equipamento dispoñible no recinto escolar (ademais do polideportivo cuberto e o novo ximnasio xa mencionados) os alumnos poden facer uso dun segundo ximnasio, da pista polideportiva descuberta, da aula de psicomotricidade e de dous parques infantís. Así mesmo, o CEIP ten un servizo de comedor e cociña propia con 250 prazas.
Plurilingüismo, novas tecnoloxías e educación dixital
Cómpre destacar tamén que o CEIP Antonio Palacios do Porriño enmárcase dentro da aposta do departamento que dirixe Vázquez Abad por mellorar a calidade do sistema educativo mediante a incorporación das novas tecnoloxías e os estudos plurilingües.
Trátase, por tanto, dun colexio plurilingüe que ademais, desde hai dous anos, está incorporado ao proxecto Abalar e tamén aos contratos-programa, creados para ofrecer unha resposta axeitada ás necesidades educativas puntuais de cada centro.
Así mesmo hai que salientar que O CEIP Antonio Palacios é un dos centros seleccionados para a participar no proxecto de educación dixital “E-DIXGAL” que a Consellería de Cultura e Educación vai por en marcha como experiencia piloto a partires deste curso. Este proxecto ten como finalidade a transformación dos centros de ensino cara o dixital. O “EX-DISGAL” é un entorno virtual de aprendizaxe con contidos curriculares facilitados pola Xunta ou elaborados polos docentes, de acceso totalmente gratuíto, tanto online como offline.
IES Pino Manso
Xesús Vázquez Abad realizou tamén unha visita ao IES Pino Manso, onde a Consellería vai iniciar as obras de reparación da cuberta e revestimento da fachada, por un importe de 30.000 euros, co obxectivo de que estean finalizadas antes de que comece o curso escolar.
O departamento de Educación leva investidos máis de 150.000 euros en obras de reparación e reforma neste centro nos últimos cinco anos (que atinxen principalmente ás instalacións eléctricas, calefacción e cuberta). Precisamente durante a época estival procedeuse ao pintado de 22 aulas de xeito que xa están perfectamente acondicionadas para acoller ao alumnado este mes de setembro.
CEIP José Fernández López
Doutra banda, o conselleiro de Cultura e Educación tamén aproveitou a súa estancia no Porriño para visitar as instalacións do CEIP José Fernández López, onde a Consellería en colaboración institucional co Concello do Porriño está realizando obras de acondicionamento como pintado de aulas, reparación de ventás e sistema eléctrico.
Investimentos en centros educativos
Cómpre lembrar que a Consellería de Cultura e Educación sumou máis de 73,8 millóns de euros en investimentos en obras en 31 centros educativos no período 2009-2014. O departamento dirixido por Vázquez Abad rematou as actuacións en 21 destes centros, o que supuxo unha achega de preto de 50 millóns, e ten neste momento en execución ou licitación actuacións noutros 10 centros por un orzamento de máis de 25 millóns.