Anxo Lorenzo participa na clausura dos cursos de galego para estranxeiros en Santiago de Compostela [1]
A Secretaría Xeral de Política Lingüística contribúe con esta iniciativa que organiza o Instituto da Lingua Galega e a Real Academia Galega
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou hoxe no acto de clausura do XXIII Curso de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e Españois de fóra de Galicia, que organizan o Instituto da Lingua Galega (ILG) e a Real Academia Galega e que financia a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Durante o acto, que se celebrou esta mañá na Facultade de Filosofía da USC, o secretario xeral referiuse aos cursos como “unha excelente oportunidade para afondar no coñecemento da lingua galega e para achegarse á realidade sociocultural de Galicia”.
“Ao mesmo tempo que Galicia vos acolle cada ano nestes cursos –dixo o secretario xeral–, a aprendizaxe do galego fóra da nosa comunidade é tamén unha realidade consolidada en numerosos países do mundo”. Neste sentido, Anxo Lorenzo recordou que a Secretaría Xeral de Política Lingüística conta na actualidade cunha rede de centros de estudos galegos en 44 países de Europa e de América, “nos que moitos dos alumnos e das alumnas do curso de galego para estranxeiros teñen a posibilidade de seguir afondando no coñecemento da lingua propia de Galicia”.
Respecto dos matriculados no curso académico 2009-2010, o secretario xeral indicou que máis de 1.500 alumnos e alumnas estudaron lingua e cultura galegas nas 33 universidades que contan actualmente con lectorado de galego, situadas en España, Alemaña, Brasil, Cuba, Francia, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal, Reino Unido, Uruguai e Croacia.
Finalmente, o responsable de Política Lingüística felicitou os estudantes, “verdadeiros protagonistas do éxito que colleita, ano tras ano, o Curso de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e Españois de fóra de Galicia”.
Xunto con Anxo Lorenzo, tamén participaron no acto de clausura dos cursos o vicerreitor de Estudantes e Formación Continua da USC, Francisco Durán Villa; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; a directora do ILG, Rosario Álvarez Blanco; e o director dos cursos, o académico Francisco Fernández Rei.
Unha oportunidade para achegarse á realidade sociocultural de Galicia
Esta ano, os 85 estudantes matriculados procedían de Alemaña, Arxentina, Brasil, Reino Unido, República Checa, Chile, Costa Rica, Croacia, Cuba, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Indonesia, Irlanda, Italia, Marrocos, México, Perú, Polonia, Portugal, Romanía, Rusia, Ucraína e Xapón.
Esta iniciativa, na que xa participaron máis de 2.200 alumnos e alumnas de moi diversos países de todo o mundo, pretende darlles aos estudantes a oportunidade de familiarizarse coa lingua galega e coa realidade sociocultural de Galicia. Amais das clases teóricas e prácticas de lingua galega, os cursos inclúen conferencias impartidas por escritores e por persoas de recoñecido prestixio en distintos aspectos da realidade sociocultural de Galicia e mais excursións e visitas a lugares de principal interese cultural e paisaxístico.