O conselleiro de Cultura e Educación visita o CEIP Virxe de Covadonga, en Ourense [1]

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o delegado da Xunta na provincia de Ourense, Rogelio Martínez, visitaron esta mañá o CEIP Virxe de Covadonga para coñecer as necesidades do centro e interesarse polo avance do curso educativo no mesmo.
Durante o seu percorrido polo colexio, no que estivo acompañado polo seu director, Constantino Seoane, o conselleiro interesouse polo desenvolvemento do contrato-programa asinado co centro, na liña de reforzo, orientación e apoio, na que están implicados 30 estudantes de 2º e 3º de primaria e un docente. Así mesmo, o conselleiro tivo a oportunidade de visitar as aulas Abalar do CEIP e de interesarse polo desenvolvemento no mesmo deste proxecto de integración das novas tecnoloxías da información e a comunicación no día a día dun colexio.
Asemade, a comunidade educativa amosoulle as instalacións ao titular do departamento educativo da Xunta de Galicia solicitando algunhas melloras para os próximos meses que o conselleiro se comprometeu a estudar.