Consellería de Cultura, Educación e Universidade
Publicado en Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal/portal)

Inicio > Cultura e Educación e os Colexios de Odontólogos e de Hixienistas Dentais colaborarán para a mellora na formación e inserción do alumnado de FP, así como na difusión de hábitos de saúde bucal

Cultura e Educación e os Colexios de Odontólogos e de Hixienistas Dentais colaborarán para a mellora na formación e inserción do alumnado de FP, así como na difusión de hábitos de saúde bucal [1]

Ademais facilitarase o recoñecemento da experiencia laboral dos traballadores das clínicas dentais, a través do proceso de acreditación de competencias e a actualización dos coñecementos do profesorado dos ciclos formativos

Gallego
Xesús Vázquez Abad asinou un convenio de colaboración en materia de Formación Pr
Xesús Vázquez Abad asinou un convenio de colaboración en materia de Formación Profesional co Colexio de Odontólogos e Estomatólogos da Coruña e co Colexio profesional de Hixienistas Dentais de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e os presidentes do Colexio de Odontólogos e Estomatólogos da Coruña e do Colexio profesional de Hixienistas Dentais de Galicia, José María Suárez Quintanilla e Andrea Pardo Rivera, respectivamente, asinaron hoxe un convenio de colaboración das tres entidades en materia de formación profesional, tanto no que atinxe á formación e inserción laboral do alumnado como o recoñecemento da experiencia laboral dos traballadores das clínicas dentais e na actualización dos coñecementos do profesorado.

Ao abeiro deste acordo, as alumnas e alumnos que cursen ensinanzas de formación profesional relacionadas con este eido poderán realizar o módulo de Formación en Centros de Traballo (FCT) nas clínicas dentais dos colexiados nas devanditas entidades. A maiores, ambos os Colexios crearán un programa de bolsas de formación para cada curso académico destinadas ao alumnado titulado en FP, cunha duración de entre 2 meses e 1 ano.

Profesorado e competencias profesionais

No que atinxe ao profesorado, ambos Colexios comprométense a colaborar no programa de formación do profesorado e máis concretamente nas estadías en empresas por tempo definido, para o profesorado de formación profesional e segundo as necesidades de formación, previstas na convocatoria de estadías en empresas que anualmente promove a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Así mesmo, poderanse organizar cursos ou seminarios arredor de temas de interese para os profesionais vinculados á Consellería e ás clínicas dentais.

Por outra banda, sobre o recoñecemento da experiencia laboral dos traballadores, a Consellería analizará a posibilidade de ofertar as cualificacións profesionais ou unidades de competencia vinculadas a determinados postos de traballo das clínicas dentais.

Difusión de hábitos de saúde bucal

Ademais, o convenio asinado hoxe contempla a colaboración das tres entidades para a difusión nos centros educativos de campañas sobre os riscos e coidados da saúde bucal. Así mesmo, para favorecer a aplicación dos coñecementos teórico-prácticos adquiridos polo alumnado nos centros educativos e coñecer de forma real a organización socio-laboral dunha clínica dental, promoveranse visitas guiadas do alumnado ás clínicas dentais, xornadas informativas e charlas técnicas impartidas por persoal destes Colexios nos centros de formación profesional durante o período lectivo. Nesta mesma liña, o alumnado poderá asistir a congresos, feiras e encontros sectoriais, co fin de acadaren unha visión global deste eido profesional.

Ademais, fomentarase a transferencia de coñecemento entre o profesorado e as clínicas dentais mediante a organización de xornadas técnicas coa participación de profesorado das diferentes materias e de profesionais do ámbito.

Información xeral [2]
Sanidade [3]
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional [4]
Dirección Xeral de Formación Profesional [5]
Alumnado [6]
Centros [7]
Empresas [8]

URL fonte: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/12098

Ligazóns
[1] https://www.edu.xunta.gal/portal/node/12098
[2] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/123
[3] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/104
[4] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/206
[5] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/8
[6] https://www.edu.xunta.gal/portal/alumnado
[7] https://www.edu.xunta.gal/portal/centros
[8] https://www.edu.xunta.gal/portal/empresas