Xesús Vázquez Abad visita a terceira edición de Edugal que se está a desenvolver no recinto feiral de Pontevedra [1]
As actividade de 2014 dan a coñecer as distintas alternativas educativas e achega a formación dual aos visitantes

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe a terceira edición do salón de oferta de Educación e Formación de Galicia, no recinto feiral de Pontevedra, xunto ao director de Edugal, Eduardo Barros; así como por José María Corujo, Hermenegildo Novoa e Diana Pastoriza, presidente, directivo e xerente da Asociación de empresarios da pequena e mediana empresa de Pontevedra (Aempe), responsable da organización do evento.
Ademais estiveron o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Touris; o xefe territorial de educación na provincia, César Pérez Ares e o director de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal. Con todos eles o conselleiro percorreu o espazo que desde onte ata maña converte á cidade do Lérez nun escaparate para dar conta das alternativas educativas existentes en Galicia.
Cómpre destacar que este ano a oferta está especialmente centrada na formación dual, pero mantendo unha ampla exposición de todas as alternativas educativas aos que se acheguen, principalmente nais e pais, alumnado de 4º de ESO, bacharelato e FP, a orientadores, profesionais do ensino, centros educativos, empresas e formadores para o emprego, sen esquecer aos que desexen retomar os seus estudos.
Aposta polo emprendemento
Durante o recorrido Vázquez Abad achegouse ata os stands cos que a Consellería de Cultura e Educación está representada a través dos IES Torrente Ballester, Luís Seoane e Chan do Monte; o CIFP A Xunqueira; as escolas superiores de Arte Dramática de Galicia e de Ben Culturais e o conservatorio de música, Manuel Quiroga.
Ademais visitou o stand da Dirección Xeral de Educación, Eduemprende no que se inclúe a recreación dun viveiro de empresa, co obxectivo de achegar as características e vantaxes deste espazo, que xa está funcionando en distintos centros integrados de FP e dar a coñecer o seu funcionamento e contido.
Durante os días que dura Edugal haberá participantes destes viveiros que darán a coñecer a súa experiencia. Cómpre recordar que nestes momentos xa están en marcha dez viveiros de empresas e proximamente comezarán a funcionar outros sete, todos eles situados en centros integrados de formación profesional e en institutos.
Actividade variada
Ao longo do día de hoxe e mañá os asistentes poderán informar e asesorarse sobre á FP, universidade e outros estudos superiores, así como a ensinanzas para a aprendizaxe de idiomas, de estudos no estranxeiro, e formación militar. O salón complementa a súa oferta con información sobre bolsas, webs especializadas e portais de emprego, así como sobre as posibilidades de aplicación das novas tecnoloxías ao ensino e a aprendizaxe, en xeral.
As achegas dos stands compleméntanse cun programa de actividades, relatorios, charlas informativas, obradoiros e debates paralelos á actividade que se desenvolva nos stands.