A USC e Política Lingüística organizan cursos formativos para o profesorado de galego e para os avaliadores Celga [1]
As solicitudes de inscrición para as Xornadas de Formación de Profesorado de Galego e para as Xornadas de Formación de Avaliadores Celga poderán presentarse desde os días 6 e 13 deste mes, respectivamente
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e Cursos Internacionais da Universidade de Santiago de Compostela (USC) colaboran no desenvolvemento da oferta formativa en lingua galega. Fano a través da organización das Xornadas de Formación de Profesorado de Galego e mais das Xornadas de Formación de Avaliadores Celga.
Oferta formativa para o profesorado de galego
As Xornadas de Formación de Profesorado de Galego terá lugar do 26 deste mes ao 4 de agosto. O prazo de inscrición para este curso está aberto do 6 ao 16 deste mes.
Os destinatarios do curso son o profesorado colaborador da Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais os aspirantes a colaborar, os lectores e lectoras de galego e o profesorado de galego das Escolas Oficiais de Idiomas que vaian impartir cursos Celga. Tamén se poden inscribir os licenciados ou licenciados en filoloxías distintas á de galego ou en Tradución e Interpretación, sempre e cando cursasen materias de lingua galega.
A través destas xornadas, que terán lugar no Campus Vida da USC, búscase dotar os asistentes das ferramentas necesarias para a planificación e a avaliación no proceso de ensino e aprendizaxe do galego, así como responder ás esixencias do contexto de ensino, aprendizaxe e avaliación desta lingua que precisa a sociedade actual. Reflexionar sobre o propio labor docente, como elemento dinamizador da formación do profesorado de galego, e dotar o alumnado dun tratamento didáctico axeitado aos principios comunicativos de ensino de linguas son outros dos obxectivos desta actividade formativa que impulsan a USC e Política Lingüística.
Xornadas de Formación de Avaliadores Celga
Por outra banda, os próximos días 5 e 6 de agosto terán lugar as Xornadas de Formación de Avaliadores Celga, curso que habilita para corrixir as probas coas que se obtén o Certificado de lingua galega (Celga). Para participar, débese contar co Curso de Formación de Profesorado de Galego e tamén é necesario estar inscrito nas listas de profesorado colaborador da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O prazo para presentar as solicitudes de inscrición estará aberto desde o día 13 ata o 23 deste mes.
A asistencia ás xornadas será obrigatoria en todos os módulos formativos e as clases desenvolveranse en xornada de mañá, entre as 9.30 e as 13.30 horas, no Campus Vida de Santiago. Ao remate das xornadas, Política Lingüística e Cursos Internacionais da USC outorgarán un certificado de aptitude que acredita os participantes como examinadores-avaliadores do Celga.
Máis información en http://www.xunta.es/linguagalega [2] e http://cursosinternacionais.usc.es [3].