O conselleiro de Cultura e Educación comproba o resultado das obras de mellora no CEIP Cruceiro de Canido en Ferrol [1]
A Consellería vén de renovar a cuberta do pavillón do centro, uns traballos cos que o investimento de Cultura e Educación no colexio nos últimos anos ascende a máis de 158.000 euros

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, comprobou hoxe o resultado das obras de mellora realizadas no CEIP Cruceiro de Canido en Ferrol, no que o seu departamento vén de rematar a reparación da cuberta do pavillón. Con estas melloras, unidas ás realizadas nos últimos anos e aos programas educativos novidosos implantados no colexio, o investimento da Consellería no centro ascende a máis de 158.000 euros. Ademais o conselleiro anunciou que se realizarán as obras pertinentes para unha mellora da accesibilidade ao pavillón.
O conselleiro, acompañado polo xefe territorial de educación na provincia, Indalecio Cabana e a directora do mesmo, Mª Maravillas Beceiro; percorreu as instalacións do CEIP no que, ademais da devandita no pavillón, se teñen realizado traballos para a mellora da seguridade, a accesibilidade – coa construción dunha pasarela- e para a reparación de humidades. O centro conta ademais cunha aula dixital e con 4 aulas Abalar, proxecto de integración das novas tecnoloxías da información e a comunicación no ensino no que está integrado desde o ano 2011.
Así mesmo, o conselleiro interesouse polo funcionamento da biblioteca do colexio, que conta coas achegas da Consellería para que os seus 439 alumnos e alumnas poidan aproveitar este espazo como un centro de recursos para a lectura, o lecer e a alfabetización informacional, no marco do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, Información, Aprendizaxe).
Xesús Vázquez felicitou ademais ao centro pola súa participación, un ano máis, nos contratos-programa, que acaba de asinar na primeira liña de actuación para o reforzo, orientación e apoio, na modalidade de acompañamento fóra do horario lectivo. Ao abeiro deste programa estableceranse 2 grupos cun total de 20 estudantes de segundo e terceiro ciclo de Primaria e 2 docentes, cos que se traballará no reforzo dos hábitos de estudo, do hábito lector; e se afondará nas debilidades que presente o alumnado, especialmente nas competencias básicas, promovendo a motivación e autoestima das alumnas e alumnos. Neste sentido o conselleiro gabou o labor de autoavaliación do CEIP Cruceiro de Canido, “un traballo que non sería posible sen a implicación vocacional do profesorado do centro e do seu equipo directivo”.