Vázquez Abad salienta o compromiso cumprido da Xunta de Galicia coa inversión de preto de 2 millóns de euros para dotar ao estradense CEIP Pérez Viondi dun novo edificio [1]
O conselleiro visitou hoxe as obras rematadas do centro, así como as tamén realizadas no CEIP de Figueroa e no IES Antón Losada Diéguez
O titular da Consellería tamén estivo cos equipos directivos dos IES Nº 1 e o Manuel García Barros

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP Pérez Viondi da Estrada, no que xa están finalizadas as obras de reforma e ampliación, e que contaron cunha inversión de preto de 2.000.000 euros. Ademais, Vázquez Abad acudiu ao CEIP de Figueiroa e ao IES Antón Losada Diéguez, nos que o departamento educativo da Xunta de Galicia acaba de rematar as obras de reposición na cuberta e de reforma da acometida da auga, respectivamente. O investimento realizado pola Consellería en obras e na implantación de programas educativos nestes centros estradenses supera xa os 2,4 millóns de euros.
Durante as súas visitas, o conselleiro estivo acompañado polo xefe territorial de Cultura e Educación en Pontevedra, César Pérez Ares; polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; polos directores dos centros, José Luis Castro Castro (CEIP Pérez Viondi), José Manuel Reboredo (CEIP Figueiroa), Lourdes Dono Campos (IES Antón Losada Diéguez); e mais por membros da unidade técnica da Consellería; que puideron comprobar que as obras cumpriron os prazos previstos, e están listas para o novo curso.
O novo edificio
Os nenos e nenas estradenses desfrutarán das novas instalacións do CEIP Pérez Viondi, que se centraron na construción dun novo edificio que permite albergar 9 aulas de infantil, que se uniu á escola xa existente, no que había espazo para 18 unidades de Primaria. As reformas e ampliación do colexio baseáronse na construción de 1905 metros cadrados en total. A zona baixa do edificio está destinada ás aulas dos escolares de 3 a 4 anos, ademais do comedor, o almacén, a cociña, o gardarroupas e os patios cubertos e exterior. Na primeira planta situáronse as aulas das alumnas e alumnos de 5 anos e unha aula de psicomotricidade, para atender ás posibles necesidades educativas específicas dos escolares do centro. Ademais, todas as aulas contan cun aseo deseñado para o emprego do alumnado. O novo edificio dispón de espazos para o equipo directivo, sala de profesores e despachos de Audición, Pedagoxía e Orientación; así como un cuarto de telecomunicacións. Tendo en conta que o traslado do mobiliario e material rematou a pasada semana, o novo edificio está listo para acoller aos preto de cincocentos estudantes desde o primeiro día lectivo do curso 2013-2014.
O compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia con este centro queda ademais de manifesto co investimento de máis de 47.600 euros para a instalación de tres aulas Abalar e unha aula dixital, así como para a mellora de equipamento e fondos da súa biblioteca escolar.
Melloras no CEIP de Figueiroa e o IES Antón Losada Diéguez
O conselleiro de Cultura e Educación aproveitou para visitar outros dous centros educativos da Estrada nos que as obras de mellora acaban de rematar.
No caso do CEIP de Figueroa, este ano a Consellería vén de dotar a unha parte do centro cunha nova cuberta, unha intervención que se suma á obra para a adaptación do espazo para o comedor que o departamento autonómico levara a cabo no ano 2009. O centro conta ademais con catro aulas Abalar dotadas de 90 ordenadores ultraportátiles, e a súa biblioteca escolar forma parte do Plan de Mellora desde o curso 2008/2009. Desta forma, o investimento en obras e na implantación de programas educativos punteiros nos últimos anos neste centro supera os 190.000 euros.
Pola súa banda, no IES Antón Losada Diéguez reformouse a acometida de auga, uns traballos que se suman aos xa realizados para a renovación da instalación eléctrica, a colocación dunha nova cuberta e dun depósito de calefacción. Desta forma, o investimento da Consellería en obras e máis en iniciativas de mellora da calidade educativa nos últimos anos supera os 203.500 euros, xa que cómpre sinalar que o centro conta con catro aulas Abalar – 73 netbooks- e que a súa biblioteca se integrou no curso 2012/2013 no PLAMBE.
Unha vez rematadas estas visitas o conselleiro, xunto ao xefe territorial e a parte do equipo de construcións, achegáronse aos IES Nº1 e Manuel García Barros onde estiveron cos directores, Manuel Anxó Valcarcel Valladares e Gisèle Maissa Rodrigo, respectivamente.