A Consellería de Cultura e Educación convoca preto de cen axudas predoutorais por terceiro ano consecutivo, cun investimento de 5,4 millóns de euros [1]
Cada unha das axudas supón un contrato de tres anos de duración para a realización dunha tese de doutoramento
O 25% das axudas destinaranse a sectores estratéxicos de Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocou a través do Diario Oficial de Galicia 94 axudas á etapa predoutoral, para o impulso da I+D+i no Sistema Universitario de Galicia, no marco do Plan Galego de Investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C) para o ano 2013. A tal fin, destínase un total de 5.380.000 euros.
Este investimento ratifica a aposta da Xunta pola I+D+i producida desde o Sistema Universitario de Galicia (SUG) como motor de desenvolvemento da nosa terra. Neste sentido favorécese a investigación nas nosas universidades, apoiando a formación como doutores de tituladas e titulados superiores en centros do SUG.
A Consellería volve a apostar, da mesma maneira que nos últimos anos, pola investigación universitaria cunha convocatoria dun numero excepcional de axudas predoutorais, un 17,5% máis ca o promedio das convocadas nos anos de vixencia do anterior Plan Incite, en tempos de bonanza económica.
Axudas xerais e especializadas á etapa predoutoral
A concesión de ata 94 axudas do Programa de apoio á etapa predoutoral presta especial atención aos sectores estratéxicos en que Galicia posúe contrastada potencialidade, o que se reflicte nas modalidades para os campus de excelencia internacional Campus do Mar - liderado pola Universidade de Vigo- e Campus Vida - liderado pola Universidade de Santiago de Compostela-.
A consellería financiará un máximo de 94 contratos de tres anos de duración, 70 na modalidade de axudas de apoio á etapa predoutoral de carácter xeral, e 12 para as modalidades correspondentes a cada un dos respectivos campus de excelencia.
Con esta actuación trátase de asegurar un maior retorno das investigacións ao noso tecido socioeconómico, provocando unha maior especialización e sinerxias entre todos os axentes implicados.
Isto fai de Galicia unha comunidade autónoma pioneira ao adaptar os procesos formativos ás áreas con maior proxección e relevancia para a propia comunidade, incidindo nunha especialización intelixente orientada na futura estratexia RIS3 que determinará o acceso aos fondos europeos para os vindeiros anos.
Soldo e requisitos
Os contratados coa modalidade xeral terán unha retribución bruta anual de 19.000 euros e os que obteñan un contrato nos campus de excelencia recibirán 22.000 euros brutos anuais. A duración destes contratos son dun ano prorrogable ata os tres se contan cun informe favorable da comisión académica do programa de doutoramento.
Poderán solicitar estas axudas, co visto e prace da súa universidade, as tituladas e os titulados superiores que se vaian formar como doutores nas universidades do SUG. Os seleccionados quedarán vinculados á universidade onde desenvolvan a súa actividade a través dun contrato de traballo en prácticas ou dun contrato laboral. Cómpre salientar que esta etapa constitúe a base para que mediante a execución dun proxecto de investigación se adquiran as habilidades propias do persoal investigador.